HomePontevedraObradoiros e contacontos enchen abril de actividade na Biblioteca da Xunta en...

Obradoiros e contacontos enchen abril de actividade na Biblioteca da Xunta en Pontevedra

- Anuncio -spot_img

A cativada poderá gozar das ‘Historias da marquesa’, da man de Pavís Pavós

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, xestionada pola Xunta, vai desenvolver ao longo do mes de abril diversas actividades para diferentes grupos de idade, como contacontos, obradoiros e centros de interese con suxestións de lectura para público infantil e adulto. A axenda con toda a programación pode consultarse na web da biblioteca.

Así, o contacontos Historias da marquesa, a cargo de Pavís Pavós abrirá a programación do mes o día 9 de abril con dúas sesións, unha ás 17,30 h. E outra ás 18,30 h. Dirixida á cativada a partir de 6 anos que poderá gozar con historias cheas de diversos personaxes, como bruxas, trasnos, princesas, dragóns, xigantes e ananos. Esta actividade enmárcase na celebración do Día do libro infantil e xuvenil.

Pola súa banda, a rapazada de 8 a 13 anos terá a posibilidade de iniciarse na arte de debuxar letras (lettering), mesturando tipografías. Será no obradoiro creativo presencial previsto para o 16 de abril, de 16.30 h. a 19,00 h. Canto aos maiores de 14 anos e o público adulto, a biblioteca organizou un Obradoiro para booktubers, no que se traballará a creación de contidos en Youtube sobre literatura, da man de Illa Bufarda.

Mostras conmemorativas
Con motivo da celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil, o 2 de abril, a biblioteca acollerá un centro de interese especial cunha selección de libros infantís premiados co galardón Andersen, para levalos en préstamo. Os adultos terán tamén dispoñible o centro de interese Libros sobre libros, con gallo do Día do libro, o día 23.

Ademais, ao longo do mes continúan desenvolvéndose os habituais clubs de lectura de castelán, francés e galego, así como o denominado Voz de muller. Terá lugar tamén o curso de Filosofía a cargo do Domingos Antom García, doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, organizado ao abeiro do programa da Xunta de voluntariado cultural nas bibliotecas públicas. Todas estas actividades comezaron en outubro e se prolongan ata o vindeiro xuño coas persoas inscritas ao inicio.

Publicacións Relacionadas