- O Concello suspendeu a edición deste ano “por responsabilidade”
A pesar de que a situación sanitaria actual do municipio é de risco baixo, o Concello de Soutomaior decidiu suspender a celebración da Festa da Ostra deste ano. Para lembrar o espírito festivo da celebración, este domingo a partir das 11 horas, a Banda de Música Artística de Arcade ofrecerá aos veciños un pasacalles cheo de pezas tradicionais da música popular.
A comparsa musical comezará o seu percorrido no alto do Calvario e percorrerá todo o centro de Arcade ata chegar ao Peirao. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, pediu aos veciños “que gocen do música pero que sexan responsables e eviten aglomeracións. Seguro que o próximo ano xa poderemos volver gozar da celebración tradicional e a Ostra volverá ser a protagonista”.
Do mesmo xeito, o edil destacou que “vimos de semanas moi duras nas que a situación chegou a ser de risco extremo e, aínda que agora temos uns datos excelentes, sería unha irresponsabilidade facer coma se non pasase nada e organizar unha festa tan multitudinaria como a Ostra”, xustificou Reguera lembrando que, en anos anteriores, esta cita gastronómica chegou a acoller a máis de 30.000 persoas durante toda a fin de semana de celebración.




