Tres programadores do Centro de Intelixencia Artificial están na última fase dunha aplicación que proverá dun número ao cidadán coa fin de que poida ser atendido de forma máis eficaz.
O Concello ultima un sistema dixital para a xestión da cita previa dos servizos municipais de Rexistro, Estatística, Padrón e Atención ao Cidadán. “Queremos acabar coas ringleiras de persoas que agardan cada día no exterior da Casa do Concello”, afirma o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “expostas xeralmente ás inclemencias do tempo”.
Para isto, tres programadores do Centro de Intelixencia Artificial están na última fase dunha aplicación que proverá dun número ao cidadán coa fin de que poida ser atendido de forma máis eficaz. A súa implantación e posta en servizo realizarase logo da Semana Santa.
O rexedor lamenta o tempo perdido atendendo ás restricións impostas pola Covid e á xestión do persoal destes servizos, sometido a moita mobilidade nas últimas datas, pero confía en que o novo sistema de cita previa repercuta nunha mellor atención ao cidadán.




