• O alcalde solicita a colaboración veciñal para localizar aos autores do lume provocado ás 23:56 horas cando os medios aéreos non podían actuar e se dificultaba as tarefas de extinción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, amosou a súa máis enérxica condea contra o terrorismo incendiario que volveu cebarse esta pasada madrugada no monte entre Viascón e Cuspedriños (San Xurxo de Sacos) e que pudo ser controlado a
escasos 300 metros de zonas habitadas nesta última localidade. Segundo cálculos provisionais da Xunta, nestes momentos leva calcinadas máis de medio cento de hectáreas de superficie forestal.
Segundo o alcalde, “o incendio declarouse ás 23:56 horas da madrugada de onte cando os efectivos aéreos non están operativos e se dificultan aínda máis as tarefas de extinción do lume. Aínda así, os servizos de emerxencia da Xunta mobilizaron a 4 axentes, 5 brigadas e 3 motobombas ademais da participación de voluntarios da Agrupación de Protección Civil
de Cerdedo-Cotobade que fixeron un labor encomiable para controlar o lume conseguindo paralo a tan so 300 metros de zonas habitadas en Cuspedriños”.
Cubela amosouse indignado polo feito de que todo parece indicar que o lume foi provocado e “formaría parte dunha nova actuación do terrorismo incendiario que ten fixación co noso municipio e que non so pon en perigo vidas e vivendas senón que arruinan por completo o noso patrimonio natural que tentamos recuperar con iniciativas medioambientais e de reforestación”.
O alcalde, que se personou desde primeira hora da madrugada no lugar do incendio e estivo en contacto permanente co centro de mando que coordinaba os labores de extinción, agradeceu o esforzos do persoal que durante toda a noite estivo traballando nos labores de extinción, tanto os brigadistas da Xunta como membros da Garda Civil e, especialmente, aos voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.
Finalmente, Cubela solicitou a colaboración cidadá para localizar aos presuntos autores do incendio e lembrou que existe un teléfono (900 815 085) para que se poida denunciar calquera conducta sospeitosa que poida dar ao traste coas intencións incendiarias dos individuos que están detrás destas accións deleznables e condenables.




