Este novo edificio de uso veciñal conleva un investimento duns 620.000 euros e terá unha superficie duns 560 metros cadrados
O Centro Sociocultural de Tenorio marcha a bo ritmo e cumprindo coas prazos comprometidos polo alcalde, Jorge Cubela López, diante da veciñanza desta parroquia para que poidan dispoñer durante este ano 2021 dunha infraestrutura de uso social e cultural duns 560 metros cadrados cun investimento duns 620.000 euros.
Nestes días estase rematando o acondicionamento interior dos distintos espazos dos que disporá este novo contedor sociocultural moi demandado pola veciñanza de Tenorio e que vai a un bo ritmo cumprindo as diversas fases comprometidas pola empresa adxudicataria da obra baixo a supervisión directa e semanal do alcalde, Jorge Cubela, e dos técnicos municipais do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Este inmoble, que conta cun orzamento de 620.000 euros, está a ser executado pola firma Coviastec, gañadora do concurso público e que ofreceu unha baixa de case o 6% sobre a licitación, melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos.
O recinto, ubicado na travesía da parroquia entre o Centro de Saúde e o lugar de Covas, érguese sobre unha parcela de 1.670 metros cadrados e disporá dunha dobre sala, de 170 e 107 metros, respectivamente, que se poderá usar de xeito conxunto grazas aos seus tres pórticos de dúas augas e á súa envolvente con peche de dúas follas ata alcanzar unha capacidade para 300 persoas. Concello de Cerdedo-Cotobade
Deste modo este amplio e soleado edificio, poderá acoller todas as actividades da contorna, con especial beneficio para os maiores e os colectivos culturais e musicais de Tenorio que terán neste espazo un punto de encontro habitual para acoller o dinamismo do que fai gala esta parroquia.
O Centro Sociocultural tamén contará con tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos –dous deles para persoas con minusvalía–, tres espazos de almacén e un porche. Terá garantidos todos os servizos, xa que a parcela conta con auga, saneamento e electricidade, e un acceso axeitado, posto que o predio está conectado coa travesía a través de beirarrúas.
UN MIRADOIRO INTERIOR CON BALCÓN SOBRE O VAL DO LÉREZ
A maiores disporá dun miradoiro interior con balcón na súa parte posterior que ofrecerá unhas vistas completas da parroquia de Tenorio e de parte do Val do Lérez.
O rexedor destacou na recta final desta infraestrutura cultural que a parroquia de Tenorio benefíciase de actuacións que rondan os 5 millóns de euros no último ano, xa que veñen de rematarse a rehabilitación integral do colexio, estase executando a reforma interior da Escola de Música da Banda de Tenorio e o plan de mellora de pistas e están tamén en marcha a rede de saneamento integral, a instalación da fibra óptica e a humanización da travesía interior de Tenorio así como a posta en marcha dunha fase do plan de compostaxe que se leva a cabo no municipio, etc.




