- Tamén se renovará o pavimento substituíndo as vellas baldosas de cemento por laxas de granito
O Concello de Soutomaior acaba de comezar os traballos de mellora na rede de recollida de augas pluviais de Arcade, en concreto na praza da Ostra. A actuación conta cun orzamento de execución de 32.000 euros, que serán financiados integramente polas arcas municipais. A mellora ten un dobre obxectivo, mellorar a eficiencia da EDAR de Arcade durante os días de choiva intensa e humanizar o conxunto da praza renovando o pavimento por outro máis moderno e acorde ao instalado nas rúas contiguas.
A mellora inclúe a instalación dun novo ramal de 40 metros de lonxitude, cunha sección de 315mm, e a súa conexión aos cinco sumidoiros e reixas que recollen a auga da choiva na praza. Esta ampliación conectarase á rede de recollida de augas pluviais xa existente, co que as augas recollidas devolveranse en perfectas condicións á desembocadura do río Verdugo. Desta maneira evítase que as primeiras terminen na rede de saneamento xeral ocasionando desbordamentos puntuais na EDAR de Arcade.
“Trátase dunha pequena mellora pero que axudará a que a depuradora de Arcade sexa máis eficiente durante o inverno”, explicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, indicando que “en materia de medio ambiente as pequenas melloras teñen un gran efecto. Cando chove moito a rede de recollida de pluviais é fundamental para evitar que a depuradora se sature e deixe de funcionar correctamente, ocasionando vertidos á ría”.
Humanización Praza da Ostra
Ao tratarse dun dos puntos máis transitados do centro urbano de Arcade, o Concello de Soutomaior decidiu aproveitar os traballos na rede de pluviais para acometer a humanización da praza da Ostra e evitar xerar novas molestias aos veciños con outra obra. Desta maneira, tras a instalación das novas canalizacións, renovaranse 250 metros cadrados de pavimento substituíndo as vellas baldosas de cemento por laxas de granito Silvestre como as instaladas na rúa Rosalía de Castro, unificando así a estética de ambas as zonas. “O vello pavimento xa estaba bastante deteriorado e de romper podería ocasionar tropezos e molestias. O novo, ademais de ser máis cómodo e confortable ao camiñar, é unha gran mellora visual e dá continuidade ao xa instalado en Rosalía de Castro e Tallo Río”, finalizou Reguera.




