HomeOurenseLorenzana salienta a proactividade da Xunta nas políticas de creación de emprego...

Lorenzana salienta a proactividade da Xunta nas políticas de creación de emprego xuvenil, na entrega dos Premios AJE Ourense

- Anuncio -spot_img

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na entrega dos premios AJE Ourense ao emprendemento xuvenil en San Cibrao das Viñas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en San Cibrao das Viñas, Ourense, na entrega da IX edición dos premios AJE Ourense, dos que subliñou o seu espírito a favor da promoción do emprendemento entre a mocidade.

No acto, no que tamén participaron o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, e o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo, Lorenzana destacou a importancia da iniciativa por fomentar a creación de sinerxías entre os máis novos e as persoas emprendedoras con negocios xa consolidados.

“O emprendemento forma parte dun complexo ecosistema onde o papel que xogan os mentores é clave para axudar aos que se aventuran a lanzar o seu propio proxecto empresarial, ao aportar a súa experiencia, coñecementos, motivación e habilidades de liderado”, amosou a conselleira.

A Xunta leva anos reforzando o seu traballo para a creación de emprego, sobre todo entre os máis novos. Desde 2012, investíronse máis de 315 millóns de euros en políticas activas de emprego para menores de 30 anos, resaltou Lorenzana, quen apuntou que supón unha media de máis de 39 millóns de euros por ano e de máis de 250.000 persoas beneficiarias das mesmas.

Esta aposta tradúcese, como indicou, en actuacións como o Plan Emprega Xuventude- que complementa accións formativas con contratos de traballo en empresas por medio de bonos de formación e bonos de contratación- ou os obradoiros de emprego para mozos e mozas menores de 30 anos -que ofrecen formación básica e profesional gratuíta coa finalidade de promover o desenvolvemento de novas capacidades-.

A Axenda de Emprego tamén contempla medidas que benefician ás persoas mozas da nosa comunidade, especificou Lorenzana, quen remarcou, como exemplo, o programa de incentivos ao autoemprego -coa mocidade como colectivo prioritario-; o Bono Renova, que ofrece apoios tanto á persoa que transfire o negocio como a que o adquire; e o Bono Nova Oportunidade, que pretende facilitar o relevo xeracional dos negocios de traballadores autónomos.

O fomento da economía social tamén conta coa xuventude “con incentivos ás cooperativas e sociedades laborais a través do programa Aprol Economía Social e a través da rede Eusumo, que dispón de actividades para dar a coñecer a economía social entre a xuventude”, dixo a conselleira.

“Todas estas accións reflicten o compromiso activo do noso Goberno por desenvolver medidas que fagan fronte ás necesidades actuais e contribúan ao futuro das mozas e mozos na economía, no mercado de traballo e na sociedade galega”, sentenciou.

Lorenzana aproveitou para dar a noraboa aos premiados na presente edición “por ser un exemplo inspirador na vosa contorna”.

Publicacións Relacionadas