A xunta de goberno local, reunida esta mañá no salón de plenos, deu conta de 29 asuntos na súa orde do día, entre as que cómpre salientar a aprobación das bases e convocatoria do XII certame de cine Ouff Escola. De seguido, todos os asuntos tratados:
Avogacía consistorial (15). Nove sentenzas e seis comparecencias.
Sentenzas. O Concello coñeceu a estimación dun recurso contencioso interposto contra unha resolución do Tribunal Económico Administrativo (TEA) no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana, que ordena a devolución das cotas. Tamén se deu conta doutras tres sentenzas que, ao contrario do que a primeira, desestiman os recursos contra resolucións do mesmo órgano municipal.
Coñecéronse ademais catro sentenzas relativas a recursos contra sancións de tráfico, dúas que se estiman e outras dúas que se desestiman por motivos diversos.
A última das sentenzas estima unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos causados nun vehículo por unha tapa de pluviais na Avenida de Portugal, e obriga a aboarlle ao demandante 893,93 euros.
Comparecencias. O Concello deberá comparecer en seis procedementos xudiciais: dous deles interposto contra resolucións do TEA en asuntos do incremento de valor dos terreos. Tamén nunha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos causados nun inmoble da rúa Cervantes por filtracións de auga.
Deberá presentarse igualmente nun recurso interposto por un particular contra as condicións de edificación impostas desde a Área de Urbanismo e nun recurso contra a concesión de licenza de apertura para carnicería en Marcelo Macías.
En materia de responsabilidade patrimonial, deberá comparecer nunha reclamación polos danos sufridos por mor dunha caída na beirarrúa na Avenida de Portugal, e na que a demandante solicita 7.869,67 euros.
Licenzas (1). Concédeselle licenza para a mellora das condicións de accesibilidade -instalación dun ascensor- nun edificio no barrio da Cuña.
Patrimonio (7). Desestímanse diferentes reclamación de responsabilidade patrimonial, ben por non concorrer os requisitos legais para facelo ou por estar fóra de prazo: polas lesións sufridas como consecuencia do mal estado dunha reixa de recollida de auga de pluviais; polos danos causados como consecuencia dunha caída na beirarrúa do parque de San Lázaro; e polos danos ocasionados nun vehículo polo mal estado da estrada do Regato.
Por outra banda, o Concello requirirá 567,10 euros en concepto de indemnización polos danos causados por un vehículo nun valado na rúa dos Remedios; 1.370,20 euros polos danos nun báculo de alumeado público na rúa Juan Fernández Gres; e 129,43 euros polos danos causados por un vehículo nun sinal vertical na rúa Doutor Temes.
Finalmente, e en cumprimento dunha sentenza, dáse conta da liquidación de custas e xuros en favor do xulgado do contencioso administrativo 2 de Ourense por valor de 257,84 euros.
Contratación (4). Apróbanse os expedientes para a contratación dos servizos de mantemento de tres aplicacións informáticas para o Concello de Ourense: Cividas, para o que se destinarán 96.877,44 euros para as anualidades 2022 a 2025; XIESS, para a xestión integran dos expedientes de servizos sociais, cun importe de 20.125,11 euros para as anualidades de 2022 a 2024; e para a aplicación do inventario de bens e inmobles, cuxo custe ascende a 7.114,80 euros para os dous vindeiros anos.
Ademais, deuse conta da ordenación decrecente das propostas para a contratación da redacción do proxecto e execución das obras de demolición parcial e reconstrución do edificio da Avenida das Caldas 36.
Servizos Xerais (1). Notificouse un erro numérico na redacción do CIF nunha rendición de fondos.
Educación (1). Apróbanse as bases e a convocatoria do XII OUFF Escola, un certame de cinema organizado pola Concellaría de Educación en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Poderán participar centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2020-2021, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega. Estabelécense dúas categorías: Infantil e Primaria; e outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son). Cada unha das categorías repartirá 1.500 euros en premios.
Os membros do xurado valorarán criterios coma a calidade da obra, orixinalidade do argumento, autenticidade e calidade no uso da lingua, potenciación de valores democráticos e de tolerancia ou o uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de software libre.
A entrega de galardóns realizarase no marco do 26º Festival de Cine Internacional de Ourense, no cal se poderán ver tamén os traballos gañadores.




