- Regalará unha planta ornamental con maceta e bolsa de compostaxe por cada 25 euros de compra en establecementos do municipio
O Concello de Soutomaior acaba de lanzar unha nova iniciativa para impulsar o consumo directo da veciñanza no comercio e hostalería do municipio, regalar unha planta ornamental por cada 25 euros de compra realizada entre o 9 e o 29 de abril. Para participar só será necesario presentar os tickets de compra orixinais no momento de recoller o agasallo.
Así, a iniciativa inclúe a todos os establecementos comerciais e de hostalería do municipio coa única exclusión dos supermercados pertencentes a cadeas comerciais. Serán válidos os tickets, sempre orixinais, de calquera importe ata sumar un gasto de 25 euros.
As persoas interesadas en trocar os tickets por plantas deberán recollelas presentando o seu DNI na carpa situada na Alameda Tallo do Río de Arcade o venres 30 de abril, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, e o sábado 1 de maio de 11 a 14 horas. Só se poderá recibir un máximo de 2 plantas por persoas participante.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou que “a situación económica de moitas empresas está ao límite pola pandemia, non só na hostalería. Por iso esta campaña está aberta a todo tipo negocios, sen importar o ramo. O único que se pide é que sexan negocios do municipio”, concluíu.




