HomeTabeirósA EstradaCOGAMI inicia en A Estrada curso de limpeza en hospitais no que...

COGAMI inicia en A Estrada curso de limpeza en hospitais no que se forman persoas con discapacidade

- Anuncio -spot_img

Esta formación é unha das accións do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo.
Dende que en 2017 iniciou Máis Emprego, lograron inserirse no mercado laboral máis da metade das persoas participantes no programa.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou nas instalacións do Conservatorio de A Estrada un curso de Limpeza Hospitalaria no que se están a formar 9 persoas, 7 mulleres e 2 homes.
Este curso é unha das accións que contempla o programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo, co fin de acadar a empregabilidade das persoas con certificado de discapacidade ou con incapacidade laboral para a profesión habitual.
Cunha duración de 100 horas lectivas impartidas en horario de mañá, das que 30 son teóricas e 70 prácticas en empresas, esta formación ten como finalidade facilitar o acceso ao mercado de traballo, tanto se é por primeira vez como para conseguir unha reciclaxe profesional para aquelas persoas que a necesiten.
O alumnado, procedente dos concellos de Vilagarcía, Cuntis, Caldas, Silleda e Lalín, con idades entre os 44 e os 58 anos, asiste ás clases presenciais de 9 a 14 horas para ás que se lles dota de medios de protección e seguridade ante o COVID-19. Ata o 10 de maio terán que familiarizarse e asimilar os contidos que se lles van impartir sobre as regras fundamentais de limpeza hospitalaria e os sistemas elementais no manexo adecuado de refugallos sanitarios e a súa clasificación.

Tras finalizar esta actividade do programa Máis Emprego, realizarán un seminario complementario no que aprenderán ferramentas e técnicas a empregar para a busca activa de emprego.

Outros cursos programados
Para os vindeiros meses, están xa programadas formacións de Auxiliar de Servizos en Pontevedra; Expendedor de Combustible, Manipulador de Alimentos e Informática en Vilanova; Auxiliar de Almacén e Informática en Cangas, todos eles para desenvolverse antes do verán. Para despois do verán, iniciarán os cursos de Expendedor de Combustible, Manipulador de Alimentos e Informática no concello de Cuntis. As persoas interesadas en calquera destes cursos, pode contactar con COGAMI a través do teléfono 986 863 709 para pedir máis información.

Programa Máis Emprego
Este curso é unha das accións que comprende o programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Obra Social “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo e que desenvolve COGAMI na provincia de Pontevedra.

Durante este primeiro trimestre de 2021, foron 56 as persoas atendidas a través deste programa, 36 mulleres e 20 homes, todas elas en situación ou risco de exclusión, co que se pretende traballar con elas a inserción sociolaboral, capacitándoas para a busca de emprego a través do trazado de itinerarios integrados e personalizados.

Dende que iniciou en 2017, polo programa Máis Emprego xa pasaron 399 persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral para profesión habitual, 185 mulleres e 214 homes, das que o 52% lograron a inserción laboral.

Publicacións Relacionadas