HomeOurensePodemos Ourense contra o acoso ás persoas inmigrantes do Couto

Podemos Ourense contra o acoso ás persoas inmigrantes do Couto

- Anuncio -spot_img

No Círculo de Podemos Ourense vimos de constatar con preocupación que nas derradeiras semanas as comunidades de inmigrantes dalgunhas rúas do barrio de O Couto están sufrindo un acoso por parte dun grupo de veciños que só se poden calificar como racistas.

Membros da comunidade latina están recibindo anónimos insultantes, son sinalados con denuncias falsas e mesmo ven como os letreiros dos seus negocios aparecen estragados.

Dende Podemos Ourense queremos mandar unha aperta fraterna ás comunidades de inmigrantes, dicíndolles que son benvidas á nosa cidade, porque sabemos mellor ca ninguén o que significa ter que vivir e traballar lonxe da terra. E tamén é benvida a vosa cultura, as vosas músicas, os vosos acentos. Porque agradecemos e valoramos as achegas que axudan a enriquecer e anchear a nosa cultura.

Quen non ten cabida na nosa sociedade é a xente que alimenta o odio coas súas actitudes xenófobas. Esas persoas deben aprender a convivir, sendo quen de solucionar os problemas de xeito común, sen diferenciar aos seres humanos en función da súa orixe, raza, credo ou poder adquisitivo.

Sinalamos a obriga das autoridades correspondentes de iniciar unha investigación para identificar ás persoas responsables destes actos racistas para que, no caso de ser constitutivas de delito, sufran todo o peso da lei.

Doutra banda, esiximos ao Concello de Ourense a inmediata posta en marcha de políticas de integración social, especialmente naquelas zonas da cidade que, por unha maior concentración de poboación inmigrante, son máis susceptíbels de sufrir estes episodios de tensión na convivencia.

Para rematar, dende Podemos Ourense queremos aplaudir e recoñecer a actitude da maioría da veciñanza de O Couto que, sen ser inmigrantes, amosaron firmemente o seu rexeitamento a esas actitudes xenófobas e racistas, demostrando así que O Couto é un barrio de xente digna, traballadora e solidaria.

Publicacións Relacionadas