HomeTabeirósCerdedo - CotobadeCubela acorda crear coas comunidades de montes e técnicos municipais unha comisión...

Cubela acorda crear coas comunidades de montes e técnicos municipais unha comisión de seguemento ante a activación de varios proxectos eólicos

- Anuncio -spot_img

• O alcalde trasladaralle aos voceiros dos distintos grupos políticos da oposición a invitación a formar parte deste grupo de traballo na defensa dos intereses veciñais e medioambientais.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou esta mañá durante unha xuntanza mantida con representantes veciñais de Rebordelo, Loureiro, Carballedo e Borela a creación dunha comisión de seguemento formada polas comunidades de montes e técnicos municipais ante a reactivación de varios proxectos eólicos e a proliferación de iniciativas empresariais para instalar aeroxeradores nos montes do municipio. O rexedor ten previsto manter contacto cos voceiros dos distintos grupos da oposición co fin de convidalos a formar parte desta iniciativa en defensa dos intereses veciñais e medioambientais se o consideran oportuno.
Jorge Cubela explicou aos representantes veciñais que leva varios días reuníndose con comunidades de montes para explicarlles o posicionamento do Concello sobre este tema e trasladarlles as razóns que lle impulsaron á presentación de alegacións ao parque eólico “Campo das Rosas” para o que solicita a súa paralización na súa tramitación ao
detectarse importantes eivas e deficiencias, segundo se recolle no informe elaborado pola técnica municipal en medio ambiente.
PREOCUPACIÓN DO ALCALDE POR FACER UNHA BOA DEFENSA “POR TERRA, MAR E AIRE” DOS INTERESES DOS VECIÑOS E DOS LUGARES ANTE O MINISTERIO E MEDIO AMBIENTE
Por outra banda, Jorge Cubela confirmou a existencia dun proxecto eólico no Monte do Pé e Coto, que afecta a estas catro parroquias e tamén aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa que ten a súa tramitación moi pouco avanzada polo que será obxecto dun exhaustivo seguemento por esa comisión de traballo que impulsará o
propio alcalde coas comunidades de montes, técnicos municipais e aos que pretende unir tamén aos voceiros da oposición.
“O que pretendemos é defender os intereses dos veciños e dos lugares por terra, mar e aire e coa creación desta comisión o que queremos é intercambiar información puntual e exhaustiva porque teño que recoñecer que estou realmente preocupado con este tema polo que temos que facer unha boa defensa dos intereses da nosa xente ante o Ministerio e Medio Ambiente”, manifestou Jorge Cubela.
ESTE VENRES, ÁS 20 HORAS, XUNTANZA COS VECIÑOS E A COMUNIDADE DE MONTES DE CUÍÑA (QUIREZA)
Finalmente, sinalar que o alcalde Jorge Cubela manterá unha xuntanza cos veciños e a comunidade de montes de Cuíña, na parroquia de Quireza, no territorio de Cerdedo, este venres ás 20 horas para expoñerlles tamén as alegacións presentadas polo Concello ao parque eólico de “Campo de Rosas” e que teñen a este lugar como un dos de especial incidencia por parte deste proxecto aeroxerador.

Publicacións Relacionadas