Aproveitando esta obra decidiuse acometer con fondos propios o abastecemento de auga municipal a media ducia de casas e humanizar o traxecto cunha beirarrúa
O Concello de Portas está acometendo o saneamento de aguas residuais no lugar da Quenlla cun investimento de 57.331,29 euros incluídos nos fondos do Plan Concello da Deputación de Pontevedra. Aproveitando estas obras o goberno municipal decidiu tamén facilita-lo subministro de auga da traída pública a unha media ducia de casas do lugar e humanizar o traxecto por onde descurre a nova rede de sumidoiros cunha beirarrúa de uso peonil.
Deste xeito, o lugar da Quenlla mellorará substancialmente as súas infraestruturas xa que pasará a dispoñer de saneamento e tamén abastecemento de auga da traída municipal dous elementos fundamentais para mellora-la calidade de vida dos residentes nesta zona.
Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, “aproveitando esta obra de saneamento, financiada a través do Plan Concellos, onde había que facer unha zanxa importante decidimos acometer con fondos propios ampliar o abastecemento de auga municipal a un importante núcleo habitado para que, deste xeito, dispuxeran tamén dun subministro dun ben fundamental como é o líquido elemento. Tamén decidimos iniciar un proceso de humanización da zona a través da construción dunha beirarrúa que permitirá mellora-la seguridade vial da zona, embelecer o lugar e contribuír a urbanizar no posible este núcleo rural do noso municipio”, indicou o rexedor.




