Iñaqui Carnicero, que exercerá de padriño da iniciativa provincial, falará sobre ‘Axenda Urbana e espazo público’
A ‘cidade dos 15 minutos no territorio disperso’ centrará a xornada formativa do venres
A ‘Facultade Ágora’ celebra mañá a súa xornada inaugural coa visita presencial á Deputación do director de axenda urbana do Ministerio de Mobilidade, Iñaqui Carnicero, que exercerá de padriño da iniciativa provincial e falará sobre ‘Axenda Urbana e Espazo Público’.
A xornada comezará ás 10.30 da mañá cun acto no salón de plenos do Pazo Provincial no que estarán presentes a presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, a representante da Rede de Cidades que Camiñan Rocío Plasencia e o coordinador de contidos do curso, Fernando Nebot. Despois das intervencións institucionais chegará a quenda de Carnicero, que subliñará a necesidade de que os gobernos públicos traballen pola recuperación do espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado, dotar á veciñanza de espazos de calidade en que poder desenvolver as súas actividades e relacionarse de forma segura.
Unha vez rematado o acto e as diferentes comparecencias os representantes provinciais acompañarán a Carnicero pola cidade de Pontevedra (12.30h), para darlle a conocer in situ o traballo realizado ao abeiro do ‘modelo Pontevedra’ que se quere estender no resto da provincia.
Este venres 23 de abril será a segunda xornada formativa da Facultade Ágora, titulada ‘A cidade dos 15 minutos no territorio disperso’, na que participarán figuras como o asesor de mobilidade da alcaldesa de París Carlos Moreno ou especialistas como Isabela Velázquez, Rubén Lois ou Valeiro González.
Carlos Moreno é director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da Sorbona. Coñecido mundialmente como experto en “cidades vivas” e “cidades intelixentes” é Asesor da alcaldesa de París e máximo divulgador actual da “cidade dos 15 minutos”.
Isabela Velázquez é arquitecta urbanista e consultora en proxectos de urbanismo sustentable, planificación territorial e deseño urbano. Especialista en organización
de procesos participativos complexos é membro do Comité de dirección da Web Cidades para un Futuro máis Sustentable.
Rubén Camilo Lois é doutor en Xeografía e Historia, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do seu grupo de Análise Territorial, así como director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais.
Neste seminario tratarase sobre os aspectos básicos do urbanismo camiñable: proximidade, densidade, diversidade de usos e servizos para relacionalos coa teoría das cidades 15 minutos. Afondarase en como aplicar esta filosofía ao territorio disperso, falando dos exemplos que nos sitúen máis perto desa teoría, e tamén dos aspectos básicos da lexislación para favorecer a proximidade e o aumento de densidade en contornos rurubanos, e como se poden apoiar eses procesos desde as ordenanzas e os plans.
A Facultade Ágora foi concibida como unha ferramenta de formación sobre o espazo público dirixida a representantes políticos e técnicos da provincia para tratar con calidade o espazo público recuperándoo para as persoas. Están inscritas máis de 210 persoas con poder de decisión político e técnico dos municipios da provincia e arredor de medio cento de persoas do resto do estado español atraídas pola calidade da oferta formativa e do cadro docente.
Hai máis de 40 persoas de diferentes ámbitos que participarán como relatoras sobre o espazo público. Entre elas Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’; María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; ou Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’.




