A institución distribuirá ao longo desta venres 23 nas súas diferentes salas varias publicacións relacionadas coa arte que se poderán levar como agasallo
O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico únese á celebración habilitando o acceso en liña no portal AtoPO ás versións PDF dos 82 títulos publicados ata agora
O Museo de Pontevedra vai celebrar mañá Día do Libro cunha iniciativa que pretende premiar ás persoas visitantes: a institución distribuirá ao longo do día polas diferentes salas varias publicacións relacionadas co mundo da arte en xeral e das súas coleccións en particular que se poderán levar para a casa como agasallo.
Deste xeito, o Museo quere contribuír co seu gran de área á celebración dun día sinalado divulgando catálogos, pezas de investigación e outros traballos. Só se permitirá levar un ‘agasallo’ por persoa, estando cada libro –nunha bolsa de merchandising- a carón da peza de arte coa que está relacionado.
Por outra parte, outro dos servizos da Deputación, o de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación vén de habilitar co gallo do Día do Libro a través do portal web Atopo o acceso en liña á versión PDF dos 82 títulos publicados ata agora referentes ao patrimonio documental provincial.
Os denominados inventarios (froito do traballo de asistencia técnica levado a cabo desde 1980), que ata agora estaban dispoñibles na biblioteca da Deputación na modalidade de préstamo, foron dixitalizados e están xa accesibles a través dos correspondentes rexistros bibliográficos de Atopo nos que, ademais dos datos de cada publicación e do descargable, inclúese tamén unha ligazón á actualización do correspondente inventario somero. Trátase dunha serie de publicacións fundamentais para achegarse á realidade documental da provincia de Pontevedra e dos seus diferentes concellos.
Finalmente, a Editorial da Deputación de Pontevedra tamén se suma ao Día do Libro lembrando que o seu catálogo conta con case 800 títulos propios de narrativa, poesía, arte, ensaio, natureza, investigación, arquitectura, historia, etnografía, xeografía, fotografía e outros temas que se poden consultar na biblioteca do Arquivo co obxectivo de profundizar no coñecemento da riqueza patrimonial do pobo galego, facilitando o estudio e a investigación das diversas manifestacións culturais




