O Concello ten que aportar a este acordo un máximo de 80.000 euros procedentes do remanente de tesourería do exercizo do ano pasado
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro aprobou cos votos favorables dos concelleiros do PPdeG e do PsdeG-PSOE e a abstención de Porvir o saneamento de Reboredo promovido por Augas de Galicia e que suporá un investimento de 400.000 euros financiado en parte pola Unión Europea no marco do Eixo React UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da Covid-19.
Na mesma sesión plenaria e co mesmo resultado na votación foi aprobada tamén a modificación de créditos, é dicir, o cambio e dotación de partidas, con 80.000 euros procedentes do remanente de tesourería do exercizo pasado para dotar a aportación que o Concello ten que realizar como parte do 20% que ten que aportar a ese investimento en infraestrutura hidráulica que terá como protagonista o seaneamento do núcleo de Reboredo.
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a concesión de dúas novas axudas á natalidade consistentes en 250 euros anuais por espazo de dúas anualidades a sendas veciñas beneficiarias que solicitaron adherirse a este programa social posto en marcha polo Concello.
En canto a mocións, o Pleno aprobou por unanimidade unha presentada polo PPdeG sobre a necesidade de instar á dirección de Abanca para que mellore a atención horaria da oficina de Campo Lameiro e que garanta a permanencia da entidade no municipio. O alcalde, Carlos Costa, amosou a súa preocupación pola recente reducción de horarios de atención ao público sobre todo porque os usuarios desta oficina son persoas maiores pouco familiarizadas coa banca electrónica e que ven con preocupación a posibilidade de que poida ser suprimida esta sucursal de Abanca.
Tamén lembraron os voceiros do PsdeG-PSOE, Adrián Vidal, e de Porvir, Adrián Vázquez, a necesidade de unir a esta nova petición unha feita polo grupo Porvir en pasados plenos, que tamén se aprobou por unanimidade, expresando a repulsa da Corporación Municipal polas altas comisións aplicadas nas xestións bancarias por este entidade crediticia. Acordouse unir este protesta á moción agora aprobada.
Tamén se aprobou por unanimidade outra moción presentada polo PPdeG sobre un acordo da Fegamp sobre a necesidade de ter en conta os pequenos e medianos concellos nas axudas que cheguen a España desde a Unión Europea por mor da Covid. A federación de municipios avoga porque se teña en conta a dispersión poboacional e o envellecemento da mesma á hora de realizar ese reparto de fondos da solidariedade europea.
Finalmente, no apartado de rogos e preguntas o voceiro socialista reclamou maior celeridade na entrega da documentación dos plenos e volveu reclamar as actas das Xuntas de Goberno Local así como poder acceder ao programa Gestiona. Solicitou que se grabaran os plenos e sinalou o seu desexo de face-lo el persoalmente para utilizalo no facebook do Partido Socialista. Tamén reclamou a colocación de solucións intermedias antes das entradas das depuradoras para evitar colapsos por acumulación de material impropio que a xente bota aos sumidoiros e logo provoca graves atrancos no funcionamento destas instalacións.
Neste sentido, o voceiro de Porvir reclamou que se acelere a entrada en funcionamento do Punto Limpo cunha ordenanza ao respecto, que está en fase de elaboración, e preguntou tamén que medidas de desinfección se están levando a cabo nos parques infantís. A esto, o alcalde contestoulle que se están facendo desinfeccións diarias.
Tamén preguntou sobre a posibilidade de que no verán se volva a abrir a piscina municipal, ante o que o alcalde lle contestou que dependerá das direccións que neste sentido acaben tomando as autoridades sanitarias e, no caso de que se poida abrir, se aplicarán estrictamente a normativa e os condicionantes que se establezan para o seu funcionamento de feito, indicou Carlos Costa, vanse ampliar os vestiarios como parte dos requisitos que se precisan para reabrir en condicións estas instalacións de baño.
Ademais preguntou polas medidas que se están tomando desde o Concello para substituir ao persoal laboral que por diversos motivos non seguen desempeñando as súas funcións. O alcalde contestou que no caso concreto da traballadora social xa está contratada e atendendo o servizo e, no caso do aparellador municipal, se está en contacto co Colexio de Arquitectos para atopar un substituto.




