HomePontevedraO PP reclama en Madrid novas titulacións de FP para que se...

O PP reclama en Madrid novas titulacións de FP para que se recoñeza a formación da Escola de Canteiros de Poio

- Anuncio -spot_img

• Deputados nacionais rexistran unha PNL no Congreso para reclamar os títulos de canteiría e mestre de canteiría.

Os deputados nacionais do PP de Pontevedra, Ana Pastor, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla, rexistraron no Congreso unha PNL para reclamar que se modifique o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e incluír unha nova titulación de FP que se axuste ás ensinanzas de canteiría e mestre de canteiría que se imparten na Escola de Poio, dirixidas á produción e restauración artística, así como a súa contribución e aplicación á arquitectura. Ademais, na proposta inclúen un segundo acordo para facilitar a homologación e convalidación dos títulos expedidos antes da modificación do catálogo.

Os populares amosaron en numerosas ocasións o seu apoio á Asociación da Escola de Canteiros de Poio, cos que mantiveron varias reunións para escoitar as súas inquedanzas, e por iso agora dan un paso máis para reclamar no Congreso que o Goberno central recoñeza as ensinanzas que se imparten neste centro dependente da Deputación de Pontevedra.

Entenden que este é un centro de referencia para a provincia, un centro único en Galicia que conta con grande prestixio e recoñecemento a nivel nacional e, polo tanto, é importante que se plasme ese prestixio a través dunha titulación específica que depende do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Unha titulación que é fundamental para garantir o futuro da escola, dos alumnos e dos mestres, porque para recibir un certificado de profesionalidade non é preciso estar cinco anos nunha escola, con traballar nun taller, pagar unhas taxas e presentarse a un exame é suficiente, sinalan.

Esta modificación permitirá, polo tanto, que os alumnos poidan acreditar cun título específico os coñecementos teóricos e prácticos que reciben no centro, e optar a postos de traballo cualificados, e polo tanto, tamén fará que a Escola de Poio sexa máis atractiva para o alumnado.

Publicacións Relacionadas