O orzamento destas obras de mellora, no seu conxunto, supón un investimento de máis de 107.000 euros.
O Concello de Ourense conta nestes momentos con tres novas obras en execución: a mellora e posta en valor da rúa da Torre e acondicionamento de acceso ás Bombarreiras – Cruxeiras, por un importe de 47.900 euros; o acondicionamento de camiños de Sas e da rúa Regoalde, na parroquia de Santa Olaia de Beiro, por importe de 47.750,88 €; e o acondicionamento e mellora no Parque do Pino que alcanza un orzamento de 11.979,54 €.
A actuación da rúa da Torre-Cruxeiras trata, por una parte, de acondicionar tres pequenas zonas residuais da rúa da Torre, que no seu momento quedaron sen preparar, e a mellora e ampliación do alumeado público existente colocando varias luminarias, e substituíndo as lámpadas convencionais existentes por novas lámpadas con tecnoloxía led.
Na área das Bombarreiras, accedendo pola rúa Ribamonte, as obras consisten nunha pequena actuación para rexenerar e ampliar o pavimento no entronque da rúa Ribamonte coa estrada OUR-CV-401, no núcleo das Curuxeiras, situada no Concello de Ourense.
Na mesma área, realizarase unha ampliación da explanada existente, nunha superficie aproximada de 150,00 m2, para o cal é necesario ampliar un pequeno muro, para a contención de terras, cunha altura máxima de 1,20 m de altura sobre o pavimento da plataforma e de 5 m. de lonxitude.
Amais, construiranse unhas escaleiras de acceso a esta área das Bombarreiras dende a plataforma contigua á estrada OUR-CV-401.
Antes de comezar con esta actuación será preciso repor as tubarias existentes para adaptalas á nova rasante das escaleiras.
Por último, no mesmo lugar, acondicionarase o acceso pista polideportiva situada na zona alta da área das Bombarreiras. A actuación consiste na construción dun pequeno camiño ou sendeiro composto por unha capa de saburra (zahorra, en castelán) artificial, compactada, y una capa de sábrego estabilizado.
En canto ao condicionamento de camiños de Sas e da rúa Regoalde, na parroquia de Santa Olaia de Beiro, o obxecto desta execución é, por fases, a limpeza de cunetas, por medios mecánicos, o varrido enérxico do firme por medios mecánicos, incluso repaso manual; arranxo de fochancas no firme existente con rego asfáltico; tratamento superficial mediante rego mono-capa simple e remates; e tratamento de selado.
Respecto ás melloras no parque do Pino, a actuación principal é a de reparar un tramo na rúa Río Arnoia á altura do paso de peóns situado nas inmediacións da cafetería Rías Baixas. Esta actuación é prioritaria, e pretende contribuír ao obxectivo principal de habilitar o tránsito para os peóns, acomodar o paso de peóns ás persoas con mobilidade reducida.




