Carmela Silva: “Sodes aguerridas e aguerridos, xente que non se rende ante as dificultades e amosades que formamos parte dunha provincia moi potente e con moito talento, creatividade e capacidade de enfrontarse a calquera situación”
Dezaseis boas ideas, todas elas baixo o compromiso do desenvolvemento sostible, pasaron da ilusión a converterse en “proxectos de vida” e de empresa na VI edición do Coworking de Barro, que hoxe pecharon a Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI) coa presentación de todas estas iniciativas por parte das e dos seus emprendedores. Actividades como un banco de hortas urbanas, rutas no medio rural e a montaña, a creación de produtos artesáns relacionados co Camiño de Santiago ou a posta en marcha dunha clínica veterinaria móbil son só algunhas das ideas traballadas durante meses, baixo a formación e o asesoramento das persoas titoras e hoxe, tanto a presidenta provincial, Carmela Silva, como o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e a directora da EOI, Nieves Olivera, recoñeceron a “valentía” dos e das participantes.
No actual contexto de pandemia, esta VI edición do Coworking celebrouse de xeito virtual e nesta xornada de demostración as persoas emprendedoras puideron por fin verse as caras nun acto presentado pola xornalista Lara Graña. Precisamente, a presidenta, Carmela Silva, cualificou ás e aos participantes como “valentes, aguerridos e aguerridas que non se renden e asumen as dificultades”, que amosan con optimismo que “formamos parte dunha provincia moi potente que ten moito talento, creatividade e a capacidade de enfrontarse a calquera situación por difícil que sexa”. “Porque hai que ser valentes para nunha época de pandemia poñer as ideas e intentar que se convertan en proxectos empresariais que poidan xerar crecemento económico e riqueza”.
Carmela Silva destacou así mesmo que con estas iniciativas, a provincia “ten presente e ten moito futuro; un futuro igualitario”, en referencia a que un 62% dos proxectos que se teñen desenvolvido nas seis edicións están liderados por mulleres, “o que significa que estamos dando pasos cara adiante, ocupando o centro e confiando en que as nosas ideas son moi importantes, e que temos que loitar por que se convertan nunha realidade”. ”Ides triunfar –sinalou a presidenta-. O voso proxecto vai ir cara adiante, estou segura. Seguides tendo o noso apoio para seguir fortalecendo os vosos proxectos. Amosades que hai talento en cada recuncho, non só nas grandes cidades. Precisamos dese talento se queremos manter a poboación e que haxa economía en todo o territorio”.
Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, quixo destacar que o coworking “está cumprindo o cometido para o que foi creado” e xa chegou con esta sexta edición á súa “madurez”. “Isto –subliñou- xa case é formación regrada. Porque son tantos anos preparando persoas que teñen ideas e iniciativas que xa está isto moi maduro”. O rexedor puxo en valor o papel do polígono de Barro e o seu viveiro e destacou o “plus de calidade que son estes espazos de formación e investigación”, en referencia ao coworking.
No acto interveu tamén a directora xeral da EOI, Nieves Olivera, que destacou a “capacidade de adaptación” das persoas emprendedoras do coworking, que foron quen de acostumarse á formación virtual, e sinalou que tras esta sexta edición son xa máis de cen as iniciativas empresariais impulsadas a través deste programa da Deputación e a EOI. “Desde o 2017 conseguimos crear en España unha rede pola que xa pasaron máis de 6.000 persoas e estamos conseguindo que contribúa ao crecemento nacional e tamén local”, indicou.
Os proxectos
Os dezaseis proxectos desenvolvidos , doce deles liderados por mulleres son, como sinalou o director de aceleración empresarial da EOI, Javier Benito, “proxectos de vida, non só de empresa e así ocorreu en todas as edicións do coworking”, e estruturáronse en tres eixos temáticos: artesanía e téxtil sostible , natureza e servizos a empresas e familias.
En artesanía e téxtil sustentable, figuran Bo camiño: a web das persoas peregrinas, a cargo de Esther Rúas, de Mos, que partindo dunha tenda artesanal existente no Camiño Portugués, propón unha plataforma de venda online de produtos locais; así como La puertita mágica, de Laura Vea-Murguía (Ponteareas) cun “obradoiro máxico” onde se deseñan fadas e decoración infantil feitos a man e personalizados, co obxectivo de inspirar a nenos, nenas e persoas adultas a crear mundos máxicos. Tamén VaieVen, de Dolores Sines (A Coruña), que ofrece bolsos con tecidos reutilizados e complementos para a muller de edición limitada; e Amor propio, a marca da deseñadora Agustina Rodríguez (Vigo), con prendas deseñadas por ela de estilo urbano, con patronaxe zero waste, tecidos locais e elaboración artesanal.
Os proxectos relacionados coa natureza foron o Banco de Huertos-Econexus, de Myriam Pombo e Fermín González (Pontevedra), para crear un banco de hortas urbanas para recuperación de terreos en desuso, e explotalos para autoconsumo e/ou venda en comercio de proximidade; Paladarqueso, de Olga Milla (Vigo) que lanza un produto 100% galego de maduración e transformación de queixos locais, agrosustentables, que maduran con técnicas novidosas; Arousana, de Soledad Paz (Vilanova), que pretende axudar a coidar o benestar das persoas conectando co mundo interior mediante experiencias sanadoras e conscientes, como o reiki ou os baños de bosques; Mawida Montañas y Naturaleza, de Juan Pablo Sicolo (Pontevedra) para impulsar e desenvolver actividades no medio natural e na montaña, centradas na difusión da conservación e coidado da nosa contorna; e Ouvear, de Daniel Prieto (Marín), cuxo proxecto é unha clínica móbil veterinaria de servizo a domicilio para animais pequenos, co obxectivo de aportar comodidade ás persoas clientes e reducir custes.
Finalmente, os proxectos relacionados con servizos a empresas e familias son Vigopeques. Ayudas familia, de Begoña Estévez (Vigo), unha liña de negocio centrada en dar soporte e xestión de axudas, así como realizar trámites de interese para as familias; Oyamel, de Guadalupe Villanueva (Vigo), plataforma que ofrece servizos e grupos de apoio para o asesoramento, reforzo emocional e soporte experto que facilite a integración das persoas estranxeiras que deciden vir vivir a Galicia; Okoa, de Rosalía Álvarez (Santiago), unha plataforma de servizo de apoio activo a persoas con diversidade funcional e as súas familias, para a mellora da súa calidade de vida; Agroseguros, de Pablo Currás (Pontevedra): oficina de seguros con especialización en agro que ten como obxectivo fortalecer o sector galego; Prevencumplen, de David Gil (Vigo), ofrece servizos de asesoría xurídica a pemes, a través da implantación efectiva de Planes de Cumprimento e Boas Prácticas; Jessica Gregori (Vigo), especialista en comercio internacional e tradutora de alemán que pretende ofrecer asesoramento e soporte operativo para mercados europeos a pemes e institucións galegas; e Casa Volar, a cargo de Thais Feijóo (Pontevedra), un estudo artístico e creativo que nace coa intención de desenvolver solucións creativas de comunicación para marcas.




