Forman parte das suxestións presentadas pola veciñanza no proceso de elaboración dos orzamentos participativos promovida polo alcalde e que provocou a chegada de 120 correos cunhas 250 propostas realizadas na súa maioría por mozos e mozas residentes no municipio menores de 25 anos.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López, inclúe no Plan Concellos para este ano investimentos propostos polos veciños por un importe total que acada a cifra de 489.537,13 euros e que proveñen de parte das propostas veciñais remitidas por correo electrónico
dentro da campaña promovida polo Concello para confeccionar os orzamentos municipais do 2021.
Estas propostas remitidas pola veciñanza están sendo incorporadas a diversos plans de investimento e execución do goberno municipal para este ano e forman parte dos 120 correos e unhas 250 iniciativas achegadas durante o proceso de recollida de suxestións para facer máis participativos os orzamentos do 2021 deste ano e que foron enviados por
persoas residentes no municipio, na súa inmensa maioría mozos e mozas menores de 25 anos.
As peticións veciñais incorporadas agora polo alcalde ao Plan Concellos xiran en torno á mellora de infraestruturas e accesos viarios así como a proxectos de humanización e pavimentado. Estas actuacións formarán parte da Liña 1 e entre elas figuran a reparación integral de gran parte dos parques infantís, a pavimentación do acceso aos Baños do San Xusto, melloras en Almofrei e Vilanova, Meilide, etc. reparación dun camiño en Covas e pluviais en Calvelo, redacción do plan especial ZV Cerdedo (Plan de Dotacións para o Proxecto da Área Deportiva, Fluvial e Recreativa de Cerdedo), a mellora da Escola de Música de Cerdedo, humanización da Chan e mellora dos accesos a Cimadevila e Casasola, ensanche e pavimentación en Rascadería, Cavadosa, Pluvias e Outeiro (Quireza) e mellora de accesos en Cerdeiriñas (Valongo), Currás e As Cruces (Borela), o aporte municipal ao Plan Marco que conleva a pavimentación desde Campo (Valongo) ata Ceraxe (Augasantas), entre outras intervencións.
Jorge Cubela amosouse moi satisfeito pola resposta veciñal a esta invitación á confeccionar uns orzamentos participativos e salientou que con esta iniciativa, o Concello de Cerdedo-Cotobade lidera un proxecto pioneiro en Galicia para “radicalizar a democracia participativa” como xeito de impulsar a gobernanza coa veciñanza e convencer á cidadanía que pola vía da súa implicación directa nos procesos de decisión política se fan corresponsables da xestión do seu concello.
Cubela manifestou sentirse moi orgulloso dos seus veciños e veciñas “especialmente dos menores de 25 anos que respostaron de xeito moi positivo a esta iniciativa posto que foron moitos os mozos e mozas que amosaron a súa preocupación polo futuro do seu concello e decidiron dar un paso adiante aportando ideas, suxestións e interesándose por participar neste proxecto común no que queremos convertir os orzamentos municipais que son a espiña dorsal do proxecto político que desenvolveremos durante este ano 2021”. “Queremos impulsar desde o Concello novos xeitos para entender a política local, novos modelos de participación veciñal para garantir que a sociedade se sinta representada e escoitada e as súas necesidades atendidas desde os seus representantes políticos que deben demostrar con este tipo de iniciativas que estamos ao seu servizo e á súa disposición para facer realidade os proxectos e cumprir co cometido que nos encarga a sociedade. Apostamos por unha radicalización da democracia participativa desde os pequenos concellos do rural como exemplo dos novos modelos de representación política para constuir o futuro dos nosos
pobos”, manifestou Jorge Cubela.




