O Concello de Ourense iniciará o vindeiro luns, 3 de maio, obras de acondicionamento do acceso peonil Sur ao parque de Montealegre, no coñecido como Camiño dos Frades Franciscanos, que vai desde a estrada de Santa Mariña até os hortos municipais de Montealegre. As obras consistirán basicamente en pavimentar este camiño de titularidade municipal, actualmente de terra, con formigón e adoquín, para mellorar a accesibilidade á zona, tanto ao parque como aos hortos municipais.
A solución de acceso proposta consiste en habilitar o camiño para o seu uso de forma duradeira, empregando solucións mediante pavimento de formigón coloreado e lastra, tentando a súa máxima integración ambiental á contorna na que se empraza, a semellanza das solucións de acabado empregadas noutras partes do parque, ademais das obras complementarias de limpeza, redes de augas, acondicionamento de noiros, recheos, etc.
Os traballos serán executados pola empresa Cotoverde e teñen un orzamento de 48.159,26 euros, IVE engadido, e un prazo de realización de 4 semanas.
Nos próximos días, o Concello iniciará tamén obras similares no acceso norte do parque, que consistirán na pavimentación da rúa do Carrabouxo.




