HomeDeputaciónsDeputación OurenseA Deputación de Ourense pide que se reforce e mellore o servizo...

A Deputación de Ourense pide que se reforce e mellore o servizo de Correos na provincia

- Anuncio -spot_img

O acordo do pleno demanda “que se asegure un servizo de calidade para a cidadanía” e “a actualización e mantemento das oficinas nas zonas rurais”

A corporación provincial tamén aprobou unha declaración institucional para a implantación do mestrado en Enxeñaría Aeronáutica

O pleno ordinario da Deputación de Ourense, correspondente ao mes de abril, celebrado por vía telemática, aprobou hoxe solicitar que se reforce o financiamento do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no próximo Plan de Prestación a aprobar polo Consello de Ministros, de modo que se asegure un servizo de calidade e a cohesión social, económica e territorial.

Ademais se pide incluír a Correos -a maior empresa pública do país- na repartición dos Fondos para a Recuperación, Transformación e Resiliencia, para que xogue un papel crave na resposta que, como sociedade, debemos dar á crise sanitaria e económica provocada polo COVID; e se solicita a actualización e mantemento das oficinas auxiliares e das Unidades de Repartición existentes nas zonas rurais, craves na reversión da “España Baleirada”. É a única maneira –sinala o acordo- de contribuír a que aquelas áreas xeográficas de repartición deficitarias economicamente poidan gozar dun servizo postal en igualdade de condicións respecto da poboación dos grandes núcleos urbanos.

Por outra banda, o pleno aprobou unha declaración institucional para a implantación o mestrado de Enxeñaría Aeronáutica no Campus de Ourense, o que permitiría dar continuidade e especialización ao itinerario formativo que realizan os estudantes do grao de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Na sesión de hoxe aprobouse tamén un novo convenio de colaboración entre a Dirección Xeral do Catastro e a Deputación de Ourense para o exercicio por parte da institución provincial de diversas funcións, entre elas a tramitación dos expedientes de alteracións de dominio e de orde físico e económico; a actualización das descricións catastrais dos inmobles; atención ao público; colaboración na difusión de información catastral; e notificacións.

Ademais, o pleno aceptou as delegacións de competencias formuladas polo Concello de Pobra de Trives para a xestión de tributos, e polo Concello de Boborás para tramitar a expropiación de terreos destinados á construción do centro de saúde, así como a reversión aos seus propietarios de senllas parcelas sobrantes logo das obras realizadas nas estradas OU-0703 no Concello de Pobra de Trives e na OU-0502 en Coles.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

Declaración institucional para a implantación do mestrado de Enxeñaría Aeronáutica no Campus de Ourense

Dende o curso académico 2015/20216 a Universidade de Vigo, no seu Campus de Ourense, imparte o grao de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. O complemento lóxico a estes estudos de grao é o mestrado neste ámbito formativo, que permitiría dar continuidade e especialización ao itinerario que inician os estudantes do grao de Enxeñaría Aeronáutica. A necesidade de contar cun mestrado que permita complementar os estudos deste grao, é un clamor na sociedade ademais de ser unha medida fulcral para conseguir reter o talento dos estudantes que se forman no grao e que, a día de hoxe, vense na obriga de ter que completar a súa formación cursando o mestrado en universidades de fóra do sistema interuniversitario galego. Por todo isto, a Deputación de Ourense quere instar a todos os axentes implicados no seo do Sistema Interuniversitario Galego a que dean os pasos e poñan os mecanismos necesarios para que o Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, que viría a complementar os estudos do grao, sexa unha realidade dentro da oferta formativa do Campus de Ourense á maior brevidade posible.

Delegación da xestión de tributos

Acordo:

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello da Pobra de Trives a favor da Deputación Provincial, mediante acordo plenario de data 17 de marzo de 2021, para a xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva (Imposto sobre construcións, instalacións e obras -ICIO- só executiva), así como a revisión de actos de tributos e outros ingresos de dereito público.

Convenio para a xestión catastral

Acordo:

Convenio de colaboración entre a Dirección Xeral do Catastro, a través da Xerencia Territorial do Catastro de Ourense, e a Deputación provincial de Ourense para o exercicio das seguintes funcións: tramitación dos expedientes de alteracións de dominio e de orde físico e económico; actualización das descricións catastrais dos inmobles; atención ao público; colaboración na difusión de información catastral; e notificacións.

Modificación das bases de execución do orzamento xeral de 2021

Acordo:

1º.- Aprobar a modificación, no que se refire á especificación do capítulo VII de gastos, consistente nas seguintes variacións que non afectan cuantitativamente ao orzamento xeral de 2021:

450.12/762.01 “Cooperación provincial. A Concellos subvencións”

Beneficiario

Finalidade

Importe

Concello de Cortegada

Alugueiro para vestiarios provisionais no campo de fútbol para o ano 2021

15.000 €

334.20/ 489.00 “ Actividades culturais e recreativas. Outras transferencias”

Beneficiario

Finalidade

Importe

Asociación Socio-cultural Amig@s da Romaría da Saínza

Celebración da Festa da Saínza 2021

16.000 €

450.12/762.01 “ Cooperación Provincial. A Concellos. Subvencións”

Beneficiario

Finalidade

Importe

Concello de Nogueira de Ramuín

Cofinanciación IDAE: Renovación de instalacións alumeado-iluminación LED

66.000 €

2º.- Incóase expediente de transferencia de crédito entre as seguintes áreas de gasto:

APLICACIÓN QUE CEDE CRÉDITO

APLICACIÓNS QUE RECIBEN CRÉDITO

Aplicación

Importe

Aplicación

Importe

450.12/226.09 Cooperación Provincial. Actividades culturais e recreativas

112.000 €

163.11/462.00. Limpeza viaria.

A Concellos

92.000 €

241.11/462.07. Fomento de emprego, igualdade e benestar.

A Concellos. Plan de Empregabilidade

20.000 €

Expropiación de terreos para o centro de saúde de Boborás

Acordo:

Aceptar a delegación de competencia formulada polo Concello de Boborás, para a tramitación do expediente expropiatorio da parcela con referencia catastral 32014A026001620000GP, necesaria para a construción do centro de saúde.

Pobra de Trives e Coles. Reversión de terreos expropiados

Acordo:

Acordar a reversión da parcela sobrante descrita no plano do servizo de Vías e Obras (da estrada provincial “OU-0703 Trives-Chandrexa”, no Concello de Pobra de Trives, debendo este aboarlle á Deputación de Ourense o prezo xusto fixado no expediente expropiatorio tramitado no seu día.

Acordar a reversión da parcela sobrante descrita no plano do servizo de Vías e Obras da estrada provincial “OU-0502 Toros-Os Peares”, no Concello de Coles, debendo este aboarlle á Deputación de Ourense o prezo xusto pagado pola administración expropiante.

Servizos financeiros en Galicia

Acordos:

1.- Instar ao goberno central a desenvolver as mudanzas oportunas no ámbito da regulación do sector bancario para poñer freo ás consecuencias do aumento da concentración bancaria, do incumprimento das normas de competencia e do agravamento da exclusión financeira, concretamente para dar resposta á escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e reducións drásticas de oficinas e persoal.

2.- Instar a Xunta de Galicia a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo, impulsando ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia unha campaña colectiva de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.

3.- Expresar o apoio da Corporación Provincial ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego e dirixirse ás entidades bancarias da Provincia para demandar o mantemento dos servizos.

4.- Trasladar este acordo ás direccións do Banco Santander, CaixaBank e BBVA para que reconsideren a súa decisión do peche de oficinas e manteña o servizos á súa clientela.

Soidade non desexada

Acordos:

1.- Instar a Xunta de Galicia a realizar, de xeito urxente, unha diagnose da soidade non desexada mediante estudos que reflictan esta realidade na provincia de Ourense.

2.- Elaborar de xeito prioritario, en función dos resultados de dito estudio, un plan galego para a soidade non desexada.

3.- Remitir o acordo plenario aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

4.- Instar á Xunta de Galiza a impulsar, no seo do Observatorio galego de dinamización demográfica, a creación dun grupo de traballo específico para abordar a soidade non desexada en Galiza co obxectivo de recompilar, analizar e difundir información en relación a este fenómeno así como formular propostas e recomendacións ao respecto.

5.- Instar á Xunta de Galiza a enviar ao Parlamento, á maior brevidade, a Estratexia Galega de Atención á Soidade non desexada para o seu debate e tramitación no Parlamento de acordo co previsto nos artigos 140 e 141 do Regulamento da Cámara.

Defensa do servizo postal de Correos

Acordos:

1.- Reforzar o financiamento do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no próximo Plan de Prestación a aprobar polo Consello de Ministros, de modo que se asegure un servizo de calidade para o conxunto da cidadanía. Tamén para asegurar a cohesión social, económica e territorial.

2.- Incluír a Correos, a maior empresa pública do noso país, na repartición dos Fondos para a Recuperación, Transformación e Resiliencia, para que xogue un papel crave na resposta que, como sociedade, debemos dar á crise sanitaria e económica provocada polo COVID.

3.- Actualización e mantemento das Oficinas auxiliares (rurais) e Unidades de Repartición existentes nas zonas Rurais, craves na reversión da “España Baleirada”. É a única maneira de contribuír a que aquelas áreas xeográficas de repartición deficitarias economicamente poidan gozar dun Servizo Postal en igualdade de condicións respecto a a poboación dos grandes núcleos urbanos.

4.- Reforzo da capilaridade de Correos ampliando o número de oficinas, unidades de repartición e centros de tratamento co fin de lograr o maior achegamento ao cidadán/a e lograr as condicións óptimas de accesibilidade marcadas pola Lei Postal e a Directiva Postal Europea.

5.- Garantir a cobertura dos postos de traballo estruturais necesarios, na actualidade insuficientes, para garantir un servizo postal público de calidade con emprego e dereitos.

6.- Instar o cumprimento dos parámetros de calidade determinados pola Lei Postal e o Regulamento que regula a prestación do Servizo Postal Universal, e en definitiva que se aborde de forma eficaz e eficiente o correcto e necesario desempeño da prestación dos servizos postais públicos, co obxectivo de asegurar a todos os cidadáns/as da provincia de Ourense a recepción da súa correspondencia, polo menos 5 días á semana como se atopa tamén establecido na Directiva Postal Europea.

7.- Darase traslado deste acordo ao Goberno da nación e a todos os Grupos Parlamentarios do Congreso dos Deputados, á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e ao Ministerio de Facenda, co fin de que se volva a situar ao Correo público na axenda do Goberno para a Recuperación, Transformación e Resiliencia do noso país.

8.- A Deputación de Ourense, en defensa do servizo postal público de Correos na provincia de Ourense, insta ao goberno do Estado español a derrogar o artigo 37, referido a contornos especias do Real Decreto 503/2007, 20 de abril, polo que se modifica o Real Decreto 1829/1999, 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais no desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais. Xa que de aplicarse este artigo tal como foi aprobado polo parlamento do Estado español, suporía a agrupación nun único punto de entrega (cada un no seu buzón) das cartas remitidas a cada núcleo de poboación.

Microtoponimia na provincia de Ourense

Acordo:

Activar unha liña de axudas da Deputación de Ourense aos concellos da provincia para que poidan iniciar, en colaboración con entidades culturais, educativas ou sociais que consideren oportunas, actividades destinadas á recuperación, co maior detalle posible, da microtoponimia do seu territorio, e a posta a disposición desa información ás entidades públicas interesadas.

Publicacións Relacionadas