- O coloquio correrá a cargo de especialistas do Grupo de Bioloxía Ambiental da universidade de Vigo
- O Concello de Soutomaior organiza este venres, a partir das 19:30 horas no edificio Multiusos de Arcade, unha charla sobre os perigos da avespa velutina. Todos os interesados en asistir poderán acudir de forma gratuíta ata cubrir o aforo do auditorio, reducido polos protocolos anticovid vixentes. A charla estará impartida polos biólogos investigadores na UVigo, Francisco Barreiro e Aarón Lagoa.
A iniciativa ten como obxectivo concienciar á poboación sobre a necesidade de colaborar para deter o avance desta especie invasora, así como dar consellos específicos aos veciños sobre colocación de trampas, danos que infrinxe esta especia, épocas de especial precaución ou que facer se se descobre un niño deste insecto.
Ademais, durante a charla ensinarase aos asistentes como construír as súas propias trampas caseiras sen produtos tóxicos e con materiais reciclados para, tal e como explican os relatores, “poder empezar a realizar trampeos en canto sexa posible, porque en canto a temperatura chega aos 13-14 graos de media as avespas recuperan o seu nivel de actividade”.
Do mesmo xeito, tamén se comentará a expansión desta especie nos últimos anos, tanto na comarca como a nivel galego, ademais de proporcionar certas características propias desta especie que axudarán á súa correcta identificación, tanto do insecto como dos niños que os veciños poidan descubrir.




