HomePontevedraA LamaConcello da Lama inicia contactos coa Xunta para lograr financiación para unha...

Concello da Lama inicia contactos coa Xunta para lograr financiación para unha nova ponte en Xesta para comunicar esta parroquia coa de Verducido

- Anuncio -spot_img

Canda aproveitou a visita do conselleiro José González para explicarlle a necesidade de vertebra-lo territorio municipal coa construción dun pequeno viaducto sobre o río Xesta-Oitavén

O Concello da Lama iniciou a procura de financiamento na administración autonómica para construír unha nova ponte que una as parroquias de Xesta e Liñares sobre o río Oitavén e como medida para vertebrar o municipio e permitir unha mellor comunicación interior ao tempo que se libera o paso de vehículos agrícolas polo viaducto medieval de Liñares.

Estas xestións que leva a cabo o alcalde, Jorge Canda, e o tenente de alcalde David Carrera, tiveron como protagonista ao conselleiro de Medio Rural, José González, quen aproveitou a súa estancia en Verducido para inspeccionar o novo pastizal creado nesa parroquia para desprazarse ata Xesta e poder comprobar a idoneidade da proposta que defende o Concello da Lama.

Segundo Canda e Carrera a intención sería a construción dunha ponte pequena que permitira o paso de vehículos agrícolas entre ámbalas dúas beiras do río Xesta-Oitavén que evitarían que tiveran que utilizar de xeito excesivo o viaducto medieval de Liñares que precisa dunha conservación patrimonial importante na que en nada favorece o paso deste tipo de maquinaria.

Agora, ter que usar esa ponte de Liñares supón unha volta excesiva tanto para os donos de propiedades dunha de doutra beira do río Xesta-Oitavén polo que faise necesario artellar unha solución de paso segura e apropiada para o tráfico deste tipo de vehículos.

O conselleiro comprometeuse a estudia-la proposta e incluso a xestionar con outros departamentos da administración autonómica o seu concurso para poder afrontar con garantías este proxecto que deberá contar co respaldo e a implicación veciñal das comunidades de montes de Verducido e Xesta para poder habilitar en condicións as respectivas pistas que favorezan a comunicación entre ámbalas dúas parroquias dun xeito máis eficiente e segura en tanto en canto este novo viaducto suporía un aforro en distancias moi importante e un paso máis na vertebración da comunicación interior do entorno rural deste municipio.

Nas proximidades do lugar proposto para a construción da nova ponte se atopa tamén unha vella pontella que sufre derrubes periódicos pola acción das fortes enchentes que experimenta o río Xesta-Oitavén coas choivas no inverno polo que o novo viaducto permitiría ter un paso seguro durante todo o ano para ser usado con tranquilidade pola veciñanza, gandeiros, visitantes, etc.

Publicacións Relacionadas