• Cubela apela á concienciación veciñal e volve a recordar que cada veciño debe ser responsable e respectar a norma en materia de montes para non terse que enfrontar a unha sanción.
O Concello de Cerdedo-Cotobade leva a cabo na parroquia de Augasantas un intenso labor de concienciación veciñal para que se cumpran as normas en materia de prevención de incendios e cada veciño se responsabilice de manter desborzado as súas fincas e o distanciamento dos eucaliptais con respecto das vivendas antes do 31 de maio que é cando comeza a tempada crítica de risco de lumes.
Operarios municipais adscritos ao departamento de Medio Ambiente levan a cabo unha intensa campaña informativa a través da colocación de carteis explicativos das normas que deben cumprirse para evitar a proliferación de incendios que cada ano afectan dun xeito especial á parroquia de Augasantas.
Segundo o alcalde Jorge Cubela, “dado os lumes producidos nos últimos anos e o estado de abundante maleza e eucaliptais de moitas parcelas e monte próximos a vivendas, o Concello avisa aos titulares con carteis sobre as parcelas o incumprimento na normativa de prevención de incendios. Ademais, na páxina web municipal, no apartado de medio ambiente, os veciños teñen os planos das faixas de prevención de incendios para cada parroquia para que poidan ter unha guía e comprobar en que situación se atopan as súas respectivas parcelas”, indicou o rexedor.
Os carteis que se están repartindo informan en base á base á Lei 7/2012 de montes de Galicia onde se recolle explícitamente a obrigatoriedade de eliminar eucaliptos, pinos, mimosas e acacias a 10 metros dende o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estras convencionais) ou do ferrocarril.
Tamén se recorda a obrigatoriedade de realizar unha xestión da maleza nas fincas a través da eliminación de xestas, toxos, silveiras e retirada do arborado das especies anteriormente citadas. Ademais, engádese que tamén se deberán limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros destes solos e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte.
SANCIONARASE A QUEN INCUMPRA A NORMATIVA
O Concello de Cerdedo-Cotobade incide nesta campaña informativa na necesidade de que a xente se conciencie de que a loita contra os incendios forestais é unha responsabilidade de todos. Pese a isto, advírtese de que no caso de que se detecte algún incumprimento, sexa de oficio o por algunha solicitude veciñal, procederase a efectuar unha comunicación específica ao propietario concedéndolle 15 días de prazo para a limpeza si se comproba que
incumpre esta normativa.
Así, os propietarios que desatenda esta obriga poderán enfrontarse á incoación dun expediente sancionador que podería provocar a imposición de multas de entre 1.000 e 10.000 euros e, ademais, o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de roza repercutindo posteriormente o custo ao propietario. No caso de parcelas con dono descoñecido, poderá executarse unha expropiación forzosa sempre que o prezo, fixado polo valor catastral, sexa inferior ao da limpeza.
Ademais, lémbrase que, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.
Os planos das faixas de prevención de incendios pódense consultar na páxina web municipal: www.cerdedo-cotobade.gal/medioambiente/prevenciónincendios-forestais




