O Concello, que subvenciona a acción con 4.000 €, será o martes 11 o punto de partida para os vinte usuarios da Fundación Menela que, acompañados de profesionais, realizarán o Camiño pola Costa ata chegar a Pontevedra o día 27 de maio
O obxectivo engadido é facer o Camiño accesible desde o punto de vista cognitivo e visibilizar o autismo, polo que colocarán pictogramas no Albergue do Pazo de Pías (A Ramallosa) e diferentes centros de saúde
O Concello de Nigrán volve a apoiar o proxecto da Fundación Menela ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’ mediante unha subvención directa de 4.000 € a esta acción concreta que se encadra no programa ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia e que foi presentada esta mañá no Centro Castro Navás (Priegue) pola dirección da entidade, o alcalde de Nigrán e a delegada da Xunta en Vigo.
Grazas a esta iniciativa que comezou no 2019 e que no 2020 tivo que ser suspendida pola pandemia, 20 persoas con Trastorno do Espectro do Autismo do Centro de adultos Castro Navás da Fundación Menela, acompañados de profesionais especializados, percorrerán o Camiño Portugués da Costa que enlaza as localidades de Nigrán a Pontevedra, pasando por Coruxo, Teis, Redondela e Arcade, entre os días 11 e 27 de maio e pernoctando en dúas etapas. Así, esta segunda edición dá continuidade ao proxecto iniciado en 2019, no que os rapaces e rapazas de Castro Navás fixeron o tramo desde a vila mariñeira de A Guarda ata Nigrán. O obxectivo, no 2022, é chegar a Santiago de Compostela.
“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán sexa o punto de partida nesta edición”, incidíu o alcalde, Juan González, na presentación esta mañá á que tamén acudíu a delegada da Xunta en Vigo e a dirección da Fundación Menela.
Como é lóxico, a edición deste 2021 ven marcada pola crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, así como pola necesidade de manter as máximas medidas de seguridade, pero tamén pola ilusión dos profesionais e residentes para implicarse nunha actividade que cambia a rutina do día a día, e que deixa atrás longos períodos de restricións de contacto social vividos por todos eles.
Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, convidarase aos centros educativos a que acompañen de xeito virtual, con mensaxes de ánimos e compartindo información sobre o patrimonio de cada localidade (CEIP Humberto Juanes en Nigrán); recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria, especialmente na area sanitaria de Vigo, nun acto homenaxe que terá lugar este luns no Hospital Álvaro Cunqueiro, e ao Centro de Saúde Val Miñor (o centro de referencia para o Castro Navás). Adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros).




