Unha vintena de usuarios e persoal do Centro Castro Navás arrancaron esta mañá a segunda edición do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’ que os levará a peregrinar ata Pontevedra en seis etapas
O Concello subvenciona con 4.000 € esta acción que ten como obxectivo engadido facer o Camiño accesible desde o punto de vista cognitivo e visibilizar o autismo
“Volvemos a sentirnos peregrinos. Lo hacemos con mucha ilusión, con ganas de implicarnos en una vivencia que cambia la rutina de nuestro día a día (…) y anima al dejar atrás largos meses de restricciones”, explicó en la salida Luís Eduardo González, usuario de Castro Navás
Un grupo de usuarios do Centro Castro Navás da Fundación Menela (Priegue) iniciou esta mañá en Panxón a súa primeira etapa do proxecto ‘Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos’, acompañados de persoal especializado e de boa parte do goberno local de Nigrán. O grupo comezou a súa andaina desde o paseo marítimo de Panxón para chegar a Coruxo e, en outras cinco etapas máis (Vigo, Teis, Redondela e Arcade) agardan alcanzar Pontevedra o 27 de maio. O Concello de Nigrán apoia novamente esta segunda edición mediante unha subvención directa de 4.000 €.
“Volvemos a sentirnos peregrinos. Lo hacemos con mucha ilusión, con ganas de implicarnos en una vivencia que cambia la rutina de nuestro día a día (…) y anima al dejar atrás largos meses de restricciones”, sinalou ao inicio Luís Eduardo González, usuario do Centro Castro Navás, quen confesou que botarán de menos a moitos compañeiros de diferentes entidades e centros que si os puideron acompañar no 2019 no Camiño de A Guardia a Nigrán e que este ano, por motivos de seguridade sanitaria, non estarán. “Los esperamos con la mirada puesta en 2022”, sinalou en referencia a esa terceira edición, na que está previsto que alcancen Santiago. Igualmente, alumnos do CEIP Humberto Juanes mandáronlles un vídeo de ánimo e o grupo seguirá recibindo apoios ‘virtuais’ ao seu paso por cada municipio.
“Desde o Concello estamos encantados en colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especias das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán, na súa variante do Camiño pola costa, sexa o punto de partida nesta edición”, incidíu o alcalde, Juan González, na presentación.
Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias que o enriquecen e o enchen de valor. Así, recoñecerase o labor e dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria e, adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros).




