Dende o inicio da pandemia, a Enfermaría da Área Sanitaria xa vacinou a máis da terceira parte da poboación da súa referencia, concretamente a 101.587 persoas -57.874 deses cidadáns da Área recibiron unha dose vacinal e os outros 43.713 habitantes xa recibiron as dúas doses-
José Ramón Gómez Fernandez adheriuse hoxe en Pontevedra e Vilagarcía de Arousa a este recoñecemento e homenaxe aos efectivos de Enfermaría, sen os que sería moi complicado facer fronte ao coronavirus
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemora hoxe o Día Internacional da Enfermaría visibilizando a vital aportación asistencial deste colectivo profesional na contención da COVID 19, que dende o inicio da pandemia xa vacinou a máis da terceira parte da poboación da súa referencia, concretamente a 101.587 persoas -57.874 deses cidadáns da Área recibiron unha dose vacinal e os outros 43.713 habitantes xa recibiron as dúas doses-.
En sendas visitas efectuadas hoxe aos recintos feirais de Pontevedra e FEXDEGA en Vilagarcía de Arousa -onde o Sistema Sanitario Público galego está a efectuar dende hai semanas vacinacións poboacionais masivas para conter a propagación da COVID 19- o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernandez, subliñou que “adherímonos a esta xornada de recoñecemento e homenaxe ao colectivo profesional da Enfermaría, sen o cal sería moi complicado facer fronte á pandemia global de coronavirus, agradecendo a súa adicación, profesionalidade, traballo en equipo e compromiso público e social nestes duros momentos de crise sanitaria, onde continúa a facer fronte con eficiencia e eficacia ao importante desafío de saúde ao que continuamos a enfrontarnos”.
Homenaxe ao nacemento de Florence Nightingale
Por iniciativa do Consello Internacional de Enfermería, cada 12 de maio celébrase o Día Internacional da Enfermaría. A data elixida para a celebración representa unha homenaxe ao nacemento de Florence Nightingale, muller coñecida como a nai da Enfermaría moderna, que adicou a súa vida para asistir aos enfermos, creando algunhas das práxis e técnicas que aínda se utilizan na práctica asistencial hoxe en día e que permitiron o avance desta disciplina.
Ao longo da súa traxectoria, Florence Nightingale redactou numerosos artigos, facendo incontables achegas á educación dos futuros profesionais da Enfermaría, mediante a creación de institucións formativas e a colaboración co establecemento de políticas de asistencia sanitaria que permitiron reformar o sistema sanitario no Reino Unido.




