A biblioteca municipal tamén adquiriu unha colección completa de libros da premiada deste ano, Xela Arias, para divulgar a súa obra entre os veciños
O Concello de Pazos de Borbén celebrará este ano o Día dás Letras Galegas cunha sesión de contacontos dirixida ao público infantil e no que se renderá homenaxe a Xela Arias, autora á que se dedica o día nesta edición, e a diferentes figuras da literatura galega como Castelao ou Carlos Casares. A sesión celebrarase no salón de actos da Casa do Concello o mércores 19 a partir das 13:00 horas.
Co título “ Carteiro en bicicleta”, o actor Felipe Díaz interpreta unha historia na que un carteiro percorre un rueiro imaxinario no que as rúas teñen os nomes dos autores homenaxeados o Día dás Letras Galegas. Durante o traxecto, o autor realiza un repaso á historia da literatura galega a través das súas principais personalidades: Castelao, Rosalía, Cunqueiro, Manuel María…e como non, a propia Xela Arias.
A actividade contará coa participación dos alumnos de 1º e 2º do CPI Curros Enríquez de Pazos e destaca pola súa interacción co público e a integración de xéneros como o teatro, a música en directo, a poesía e o discurso etnográfico.
Nova colección de Xela Arias na biblioteca municipal
Ademais do contacontos infantil, a biblioteca municipal de Pazos de Borbén acaba de adquirir unha colección de 15 novos libros sobre Xela Arias para complementar os exemplares xa existentes. Unha compra que, segundo indicou a edil da Biblioteca, Dores Santoro, “realízase todos os anos. En cada edición do Día dás Letras Galegas cómprase unha colección ampla do autor ou autora homenaxeada para poder divulgar a súa obra entre os veciños”.




