HomeOurenseO Concello entrega os premios do IX Certame de Microrrelatos para escolares...

O Concello entrega os premios do IX Certame de Microrrelatos para escolares na Semana das Letras

- Anuncio -spot_img

O responsable de Educación, Armando Ojea, asistiu ao acto celebrado no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso no que as gañadoras fixeron lectura dos seus textos

O obxectivo é o de fomentar o uso da lingua galega a través da capacidade creativa dos escolares da nosa cidade, e este ano o motivo dos relatos foi “As cores de Galicia”

A Concellería de Educación entregou, esta mañá, os premios do IX Certame de Microrrelato, unha iniciativa ao abeiro da Semana das Letras Galegas 2021. O obxectivo principal deste certame é o de fomentar o uso da lingua galega a través da capacidade creativa dos escolares da nosa cidade, e este ano o motivo dos relatos foi: “As cores de Galicia”.

Presentáronse un total de 22 traballos escritos por alumnas e alumnos de 5º e de 6º curso de Educación Primaria de tres centros de ensino: CEIP As Mercedes, CPR Divina Pastora e CEIP Amadeo Rodríguez Barroso.

O xurado único estivo formado pola escritora galega de literatura infantil e xuvenil Érica Esmorís, que acordou establecer os seguintes premios:

1º premio para Carmen Rodríguez Vila, de 5º curso de Educación Primaria do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, polo seu traballo titulado As lembranzas da miña avoa

Mención especial do xurado: Sarela García Gil, de 5º curso do CEIP Amadeo Rodríguez Barroso, polo seu traballo titulado As cores do saber

O concelleiro de Educación, Armando Ojea, asistiu á entrega dos premios no CEIP Amadeo Rodríguez Barroso xunto á coordinadora da actividade, Isabel Doval, un acto no que as gañadoras fixeron lectura dos seus relatos.

  • AS LEMBRANZAS DA MIÑA AVOA, de Carmen Rodríguez Vila

Antes de que a miña avoa perdese a memoria contábame moitas veces como recordaba a súa terra. Lembraba que cando era pequena vivía nunha aldea con moitas árbores onde os paxaros facían os seus niños, cun río de auga cristalina no que se bañaban ela e os seus irmáns. Tamén estaban moi presentes as fragas e os soutos na súa vida. Esa cor verde tan típica de Galicia era un recordo inesquecible na súa memoria. O azul do mar, as brancas montañas nevadas, os bosques frondosos. Anos despois decidín facer un debuxo coas paisaxes que a miña avoa me describira naqueles atardeceres que pasaba ao seu carón, tan lonxe de Galicia. Sei que sentía unha inmensa morriña recordando cada un dos lugares nos que vivira durante unha boa parte da súa vida. Cando lle levei o meu debuxo, a pesares de que non me recoñeceu, enchéronselle os ollos de bágoas coa emoción. Penso que viñeron á súa memoria todas esas cores presente na súa infancia. As cores de Galicia. É o último recordo que teño da miña avoa.

  • AS CORES DO SABER, de Sarela García Gil

Fai tempo vivía

a Fada das Cores,

que lle gustaba moito

camiñar polas flores.

A ela gustáballe

maquillar o mundo,

e pintaba e pintaba

con moito gusto.

Quería sabelo todo

e todo queríao saber;

canto podía preguntaba

para máis aprender.

Cada pregunta,

moitas respostas,

que coloreaba

nun cadro, absorta.

Pensou nunha boa pregunta

e apresurouse a preguntar,

cada animal que atopaba

unha resposta diferente tíñalle que dar.

A súa pregunta era:

¿Que é Galicia?

Un rato respondeulle tradición

e un moucho ledicia.

Unha serpe esperanza,

unha bolboreta amizade,

un raposo axuda,

-o noso fogar – respondeulle un ave.

Contenta, a fada

voou cara o seu fogar,

colleu as súas pinturas

e púxose a debuxar.

Quedoulle unha

beleza de cadro,

o laranxa e o amarelo

dábanlle moito encanto!

Verde, rosa,

azul e marrón.

Esas cores eran

boas para o corazón!

Colgouno na parede

do seu vello carballo,

a súa pregunta

escribiuna debaixo.

E esta é a historia

da Fada das Cores,

fada boa

que pintaba amores.

Hai moitas preguntas

e aínda máis respostas

que nun cadro son

unha gran obra.

Publicacións Relacionadas