Vilagarcía pretende incorporar dúas persoas, Sanxenxo unha e Meis, Meaño e Cambados outra de xeito compartido mediante a mancomunidade
A Deputación de Pontevedra vén de recibir dos concellos Revitaliza da Comarca do Salnés a solicitude de subvención para contratar unha nova mestra ou mestre compostador municipal co que reforzar o seu servizo actual e implantar a compostaxe como base da xestión global de residuos nos respectivos municipios.
Á solicitude ao goberno provincial, segundo explica o vicepresidente César Mosquera, fíxose de maneira individualizada por parte do Concello de Vilagarcía, que solicita axuda económica para contratar a dúas persoas, e do Concello de Sanxenxo, que solicita incorporar unha ou un mestre composteiro. Por outra parte, os concellos de Meis, Cambados e Meaño fan a solicitude de maneira conxunta a través da Mancomunidade do Salnés, xa que consideran que cunha persoa será suficiente para as necesidades dos tres municipios.
O persoal contratado grazas ás axudas provinciais pasará a formar parte do plantel de traballadores municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuais, e atendendo á cidadanía.
Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobou a mediados de abril as bases da convocatoria para as subvencións. Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda. Nesta ocasión, e tralas consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estimábase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novos mestres compostadores, mais finalmente as solicitudes (Oia, Ponteareas, Porriño, Tomiño, Valga ademais de O Salnés) cubriranse con nove.
Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100% das retribucións dos mestres e mestras compostadoras o primeiro ano (12 meses). Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129,90 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50% do custe laboral e o terceiro ano do 30%.




