Durante todo o día de hoxe, co gallo do Día Internacional dos Museos, colectivos e persoas de maneira individual poden facer as súas achegas sobre como será o porvir do Museo
Continuarán as actividades toda a semana multiplicando as visitas guiadas habituais e a música
O Día Internacional dos Museos comezou hoxe con moita actividade no Museo de Pontevedra. A agrupación Paspallás, a través das creadoras Iciar Ezquieta, Begoña Paz, María Paz, María Covadonga e Laura Otero encheron as cristaleiras do Edificio Castelao de debuxos e participación de crianzas e tamén de adultos sobre como vén o Museo no futuro.
A celebración, que este ano ten como lema ‘O futuro dos Museos: recuperar e imaxinar’, pretendía centrar hoxe a xornada nunha actividade creativa colaborativa buscando activar o espazo do museo como lugar de acción aberto e participativo e así se conseguiu: Durante a mañá estiveron presentes participantes de axentes sociais e culturais da cidade como Amencer, Xuntos, Juan XXIII, e ASSEI, e pola tarde (ata as 19 horas) será a quenda de Taller Abierto e da Facultade de Ciencias da Educación, que realizarán obradoiros destinados a crianzas e a estudantes. Tamén se poderá pasar polo Museo e facer a súa composición sobre o futuro do Museo calquera persoa que queira, cubrindo unha tarxeta e colocándoa na vidreira.
A creación artística xirou en torno a dúas fases de execución. A primeira foi a creación da imaxe matriz a cargo das creadoras , para despois pasar á parte conxunta e aberta.
Ademais, durante o día de hoxe martes hai máis visitas guiadas, con inscripción previa pola mañá e pola tarde. Tamén houbo un recital de piano a cargo de María Domínguez Pérez, unha pianista de formación internacional que realizará dous pases, un pola mañá e outro ás oito da noite.
As actividades continuarán o resto da semana. Mañá mércores farase unha visita guiada ás coleccións nun único horario (18 horas) e previa inscripción. O xoves abrirase a exposición ‘Galiza. De Nós a nós’, haberá visita guiada ás Ruínas de San Domingos ás 12 horas (sen inscrición previa) e outra visita guiada ás coleccións permanentes ás seis da tarde (previa inscripción).
O venres haberá tamén visita ás coleccións (18h) previa inscripción, e o sábado 22 unha visita acompañada á exposición “Galiza. De Nós a nós” ás 12h (con inscripción previa). Tamén se celebrará un concerto a cargo de Laura Lamontagne ás 22.00 horas.
Para a solicitude de visitas con inscripción previa o horario de atención de correo electrónico educación.museo@depo.es será de 8.00 a 14.30 de luns a vernes. Para reservar durante a fin de semana é preciso chamar ao 986 80 41 00.




