Esta formación é unha das accións que contempla o programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo e que desenvolve COGAMI na provincia de Pontevedra.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) iniciou en Cangas do Morrazo, no local municipal do Paseo de Castelao, nº2, un curso de Almacén e carretilla ao que asisten 14 persoas, 4 mulleres e 10 homes, todas elas con discapacidade recoñecida ou con incapacidade laboral para profesión habitual. A alcaldesa de Cangas Victoria Portas agradece a COGAMI que escolla a Cangas para este tipo de actuacions e poden contar con ela para todo o que necesiten. É moi importante este tipo de formacións para que as persoas con algun tipo de incapacidade poidan acceder o mercado laboral.
Esta formación, financiada pola Fundación “la Caixa” en colaboración co Fondo Social Europeo (FSE), está enmarcada dentro do programa Máis Emprego, programa que ten por obxectivo o acceso ao mercado laboral por vez primeira e tamén a reciclaxe profesional.
O alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 20 e os 56 anos, procede dos concellos de Cangas, Soutomaior, Bueu, Marín, Moaña e Redondela. De luns a venres, en horario de 9 a 14 horas, asistirá ás clases teóricas que contarán cunha duración de 30 horas na que recibirá formación básica de almacén e poderá obter o carné de carretilla elevadora segundo a UNE 2016. O resto das horas da totalidade de 100 que contempla o curso, serán realizadas como prácticas en empresas nas zonas de residencia do alumnado, co fin de facilitarlle o contacto co tecido empresarial da zona e, polo tanto, de favorecer a súa inserción.
Ao rematar esta formación, o alumnado recibirá un seminario complementario de mellora da empregabilidade, no que se lle facilitará información sobre ferramentas e técnicas para a posta en marcha da súa busca activa de emprego.
Programa Máis Emprego.
COGAMI iniciou o programa Máis Emprego na provincia de Pontevedra en 2017, tendo por finalidade mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión, promovendo a activación para a busca de emprego e o trazado de itinerarios integrados e personalizados de cara á inserción laboral.
Durante este primeiro trimestre de 2021, foron 56 as persoas atendidas a través deste programa, 36 mulleres e 20 homes, coas que se está traballando na súa inserción sociolaboral, capacitándoas para a busca de emprego a través do trazado de itinerarios integrados e personalizados, como xa se fixo coas 399 persoas que pasaron por Máis Emprego, das que o 52% logrou a inserción laboral.




