O goberno municipal presentará mañá a aprobación por parte da xunta de goberno local a proposta de rebaixa do imposto de vehículos de tracción mecánica para o ano 2022. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asinou a convocatoria da sesión desta semana, que inclúe na súa orde do día o proxecto de modificación da ordenanza reguladora do tributo, popularmente coñecido como imposto de circulación, cunha rebaixa do 40% do tributo.
A proposta de rebaixa deberá ser aprobada polo Pleno do Concello nunha próxima sesión. Antes, de conformidade co disposto no Regulamento Orgánico do Concello, comunicaráselles aos portavoces dos grupos políticos municipais a aprobación do proxecto e abrirase un prazo de 10 días no que os grupos poderán presentar emendas, se o estiman oportuno.
A actual recadación por este concepto tributario ronda os 5 millóns de euros. Con esta rebaixa, o Concello deixaría de recadar 2 millóns anuais, e cada propietario de vehículo aforraría unha media duns 60 euros no recibo anual.
“Trátase de facer algo que é necesario – explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en relación a esta medida-, que é reducir o imposto nunha media do 40%, o mínimo legal que permite a normativa española, o que producirá un alivio nos petos dos cidadáns porque verán reducidos os recibos dos seus vehículos”. Tamén subliña o rexedor que esta medida poderá contribuír a “eliminar o dumping fiscal” que podería ocasionar a fuga de contribuíntes cara outros municipios onde o tributo é inferior. En resumo, a modificación do tributo, afirma, “é algo bo porque ten moitas vantaxes; sobre todo nunha época de COVID alivia os petos dos cidadáns.
Polo que investiguei creo que todos os grupos municipais están a favor desta iniciativa”, asegura o alcalde.




