- Un pleno que practicamente durou catro horas onde se tocaron puntos diversos, pero todos eles foron tratados cun gran consenso por parte da corporación.
- Os puntos máis conflitivos chegaron coas mocións “como sempre” onde afloraron criterios diversos, pero sempre nun ton cordial.
Celebrouse o pleno ordinario do mes de maio, un pleno que constaba de 18 puntos e a maiores os rogos e preguntas, dos 18 puntos do día teriamos que quedarnos cos 12 primeiros nos que se incluían os puntos máis relevantes e onde se atopaban as mocións dos grupos da oposición.
O pleno xa comezou cun acordo unánime nas intencións, pero non nos feitos, debido a que o punto numero dous era a apertura dun expediente polo cal se propón a pedimento das asociacións culturais da vila que o nome de Xosé Manuel Pazos sexa o elixido para bautizar o auditorio de Cangas, un punto de gran consenso no que todos os grupos presentes eloxiaron o labor cultural do ex- alcalde Pazos, ata que o PP fixo valer o seu “pero” non están de acordo de poñer nomes de persoas a este edificio nin ás rúas, optando por crear eventos co seu nome, ao que o señor Abalo contestoulle, que cada un é libre de ter a súa opinión pero non era unha desculpa crible, xa que David Cal conta cunha rúa no municipio.
Outro dos puntos que se poden destacar é o apoio da corporación aprobando o punto número catro, que afecta directamente o concelleiro de facenda o señor Mariano Abalo, xa que se pretende refinanciar o préstamo pendente a un tipo de interese máis beneficioso para o concello e así conseguir un aforro considerable nos intereses.
Saíu adiante o proxecto de “Pavimentación viaria Rúa Gondarán, Buralla e gruncheiras- Coiro” este proxecto saíu adiante cos habituais chascarrillos da oposición, que afeou ao goberno que sempre estean no último minuto sacando proxectos en “extremis”, uns proxectos que como confirmou a alcaldesa, moitas veces levan no último minuto, pola burocracia creada, e a fiscalización á que está sometida pola oposición, algo que non lle importa a Victoria Portas, porque o fundamental é sacar proxectos adiante, e agradece á corporación a súa altura de miras neste sentido permitindo aprobalas e poder levalas así a bo fin.
Se houbo un punto conflitivo (que ao final se aprobou) este foi na aprobación das Bases para a reactivación económica no concello de Cangas para axudar aos afectados polo Covid-19 cunha dotación de máis de 200.000€. O conflito púxoo a oposición ao dicir que estas bases son precipitadas, baseándose nun informe de intervención, na que non pode informar favorable, porque segundo o técnico non tivo tempo suficiente para avalialas, ao que Portas xustifica cun traballo arduo, apoiado en organismos como Deputación de Pontevedra, e que é coñecedora de que nestes momentos os sectores aos que van destinadas estas axudas están a pasalo moi mal, como é o caso do lecer nocturno, sen poder facturar un euro, a hostalería, as axencias de viaxes etc… e por tal motivo a alcaldesa dixo, “ non estamos nun momento de tanta burocracia, algo que temos de deixarlla aos técnicos, senón no momento de exercer a política pola que os nosos veciños e veciñas obsequiáronnos co seu voto, e estou segura que non foi para discutir de se un funcionario tivo tempo ou non? de informar un expediente, senón o de dar unha solución urxente a un problema perentorio, que é o que estamos a facer no día de hoxe”
Tamén nas mocións houbo momentos tensos xa que neste pleno había un total de 6 mocións, unha de Avante, tres do PP e dúas do BNG, a de Avante pasou sen pena nin gloria, xa que o punto máis importante na súa moción era a xestión das praias e o seu punto máis conflitivo era o conseguir socorristas para as mesmas, e que non pasase como outros anos, algo sen sentido porque sabían que ese servizo xa estaba licitado e contratado, precisamente para evitar ese problema, algo que non gustou á oposición xa que esperaban o poder botar encara ao goberno o seu descontrol, ata o punto en que o PP pediu explicacións ao Secretario Municipal, e este ratificou a operación e confirmou que estaba moi avanzada.
Aclarar que todas as mocións foron aprobadas e só mencionar a última moción do PP das naves de Ojea, onde houbo un pouco de discrepancia, ao solicitar o PP que se desafecten os terreos, e que se arranxen as naves que están en moi mal estado, ao que Mariano Abalo contestou o señor Sotelo que utilizaba esta moción dunha forma torticera, ao ser coñecedor de que primeiro iso dependía do Goberno Central e segundo de que non se podía investir diñeiro do consistorio en reconstruír algo que non é propiedade do mesmo. Ao que a alcaldesa Vitoria Portas espetoulle ao señor Sotelo, que lle agradecía o seu interese, e que estaba de acordo en conseguir a desafectación das devanditas naves ao ser un ben de interese para Cangas, pero que botaba en falta o compromiso do PP de Sotelo para conseguir a desafectación do Paseo de Salgueirón no cal podía mediar ao ser coñecida a súa gran amizade co Presidente do Porto de Vigo o Señor Almuiña, da mesma forma que intermediou co Vicepresidente da Xunta de Galicia para conseguir o camión de Bombeiros, ao que rematou a alcaldesa dicindo “ por certo aínda estou a esperar a chamada telefónica do señor Rueda, se fai o favor comuníquello, xa que estou preocupada por este tema.




