HomeTabeirósCerdedo - CotobadeAprobado o Plan Especial de Infraestruturas que permitirá recalificar e expropiar os...

Aprobado o Plan Especial de Infraestruturas que permitirá recalificar e expropiar os terreos precisos para crear a praza de San Xurxo de Sacos

- Anuncio -spot_img

• Cubela ten previsto investir uns 70.000 euros nesta obra de interese social comprometida polo alcalde cos veciños do lugar

O Comisión de Goberno do Concello de Cerdedo Cotobade aprobou inicialmente o Plan Especial de Infraestruturas para conseguir a recalificación urbanística dos terreos precisos para poder construir nas ruínas existentes unha praza en San Xurxo de Sacos.

Esta decisión supón un novo avance na creación deste espazo de lecer e de convivencia veciñal comprometida polo alcalde, Jorge Cubela, aos veciños e onde o Concello ten previsto investir uns 70.000 euros. Recentemente este proxecto xa conseguira o informe positivo do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas da Xunta de Galicia para o Plan Especial de dotacións dentro dunha farragosa e complicada tramitación que está levando persoalmente o rexedor da man dos técnicos municipais.

O Plan Especial resultaba obrigado xa que o lugar onde se proxecta a praza de convivencia veciñal está condicionado por unhas ruínas afectadas por Patrimonio e tamén contempla a expropiación de terreos de propietario descoñecido o que está a provocar que os trámites administrativos se estean prolongando no tempo.

Entre as consideracións técnicas que recolle o proxecto que ten previsto levar a cabo o Concello de Cerdedo-Cotobade están a protección dos elementos incluídos no que se denomina “A Casa de Espinosa en Outeiro”, a identificación dos hórreos existentes e o seu tratamento como ben protexidos así como das distintas construcións tradicionais para a súa
catalogación e salvagarda.

Tamén se prevé prestar especial atención ao mantemento dos valores culturais da igrexa e do adro. Ademais, pola afectación ao contorno de protección de varios elementos, estarase ao dispor dos criterios de intervención contidos na LPCG. Tamén se debe de ter en conta os elementos de interese susceptibles de catalogación lindeiros ao ámbito como contexto no que integrarse e cos que dialogar dun xeito harmónico. Estudar a oportunidade de aproveitar a ruína como elemento configurador do novo espazo, procurando manter a estrutura herdada, o patrón de ocupación, etc.

Ademais manteranse as características físicas e a vexetación dos rueiros que rodean o ámbito, que forman parte da súa beleza e tamén do seu interese patrimonial, amosando a ligazón do asentamento co medio.

Tamén se recolle outras consideracións do Instituto de Estudos do Territorio como que o plan especial non provocará un impacto paisaxístico significativo, toda vez que para a execución da praza se conservará o arborado autóctono e se recuperarán os muros existentes que constitúen a ruína.

Pola súa banda, o alcalde reiterou o seu compromiso e o do seu equipo de goberno cos veciños e veciñas de San Xurxo para crear esta praza e humanizar o entorno da igrexa, lugar que precisa dunha intervención e que actúa a modo de espazo centralizador da actividade social e de convivencia veciñal na parroquia.

O alcalde fixo un chamamento á paciencia e reclamou a confianza da veciñanza ante este “latoso e farragoso procedemento que hai que facer con laboriosidade, pero coa finalidade de ser o máis garantistas posibles e cumprir coa normativa vixente para evitar problemas no futuro. O compromiso é firme e os pasos estanse dando como os hai que dar para que
se poida conseguir. Agora, claro, os tempos son os que son e os informes que hai que facer e os trámites a realizar ante os distintos organismos sectoriais teñen os seus ritmos, pero que os veciños e veciñas de San Xurxo estén tranquilos porque a miña palabra está dada e eu non lles vou fallar”, reiterou novamente Jorge Cubela.

Publicacións Relacionadas