O alcalde en funcións do Concello de Ourense, Armando Ojea, convocou esta mañá unha sesión extraordinaria da comisión de pleno, que se celebrará o próximo xoves, día 3 de xuño, ás 9:00 horas, para ditaminar os dous expedientes de modificación de crédito, por un importe total de 62.601.389,04 euros, presentados polo goberno municipal para mobilizar recursos procedentes do remanente de tesourería e destinalos a investimentos en infraestruturas e servizos na cidade.
Os expedientes incorporarán os informes que foran solicitados polo grupo do PSdeG-PSOE na sesión da comisión de pleno do pasado venres, 28, que motivaron que se pospuxese o ditame da proposta de acordo. Deste xeito, os expedientes de modificación de crédito poderían presentarse a aprobación por parte do Pleno do Concello nunha sesión extraordinaria que se convocaría para o martes, 8 de xuño.




