A consultora Mercedes Llop, o enxeñeiro Fernando Nebot, o director xeral de Protección Cidadadá de Pontevedra Daniel Macenlle e o enxeñeiro Jaime Ruibal serán as e os profesores que abordarán un dos temas máis sensibles á hora de reformar vilas e cidades
O tráfico de paso, o de axitación, de destino, de necesidade ou a ‘evaporación do tráfico’ serán algúns dos conceptos que se porán sobre a mesa mañá no quinto seminario da Facultade Ágora no que están a participar máis de 200 representantes técnicas e políticas dos concellos da provincia para formarse sobre o tratamento que debe ter o espazo público para crear zonas de calidade urbana para a cidadanía.
Na sesión de mañá o corpo docente, moderado polo deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, estará formado polo enxeñeiro especializado en planificación do transporte, que conta cunha longa experiencia como asesor e é autor de varias publicacións sobre o modelo Pontevedra, Fernando Nebot; a consultora en Transportes e Urbanismo cunha traxectoria de máis de 20 anos, licenciada en Xeografía pola Autónoma de Madrid e Máster en Intervención, Xestión e Urbanización da Cidade pola Politécnica, Mercedes Llop; o director Xeral de Protección Cidadá do Concello de Pontevedra, ex xefe da Policía Local e licenciado en Dereito, divulgador habitual do modelo Pontevedra, Daniel Macenlle; e o enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos pola UDC, que leva traballando desde hai máis de cinco anos como técnico de proxectos de mobilidade da Deputación de Pontevedra Jaime Ruibal, que será o encargado de falar da aplicación da teoría en casos locais.
O debate central ocuparase de definir o concepto ‘tráfico necesario’, e as medidas que deben adoitarse nas vilas e cidades para restrinxir o tráfico innecesario. Abordaranse tamén aspectos sobre como regular os tráficos e o aparcamento de vehículos, o control das restricións e as ordenanzas específicas que se necesite elaborar para o éxito das medidas de fomentar a mobilidade natural fronte á de motor.
O seminario realizarase de maneira presencial no primeiro andar do Museo de Pontevedra coa asistencia de todas as persoas relatoras e un grupo de asistentes restrinxido e emitirase por Zoom para todas as persoas matriculadas na Facultade Ágora.




