• Os operarios municipais procederon á roza da parcela, a reparar o tanque e a encher de auga esta zona de esparcimento
Operarios do Concello de Cerdedo-Cotobade comezaron cos traballos de acondicionamento da área recreativa de Caroi a través dunha actuación intensiva de roza e limpeza de toda a parcela así como o baleirado do tanque de auga que se usa como piscina nos días de forte calor no verán.
Os traballadores municipais aproveitaron para realizar diversas reparacións no tanque así como un pintado integral da piscina que volveron a encher con auga renovada.
Esta zona de esparcimento veciñal é moi utilizada pola veciñanza non so de Caroi senón tamén da parte alta do municipio onde son moitas as persoas que se achegan ata alí en verán para disfrutar do seu espazo e tamén remollarse para combatir as altas temperaturas que soen darse nos meses de verán.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou que os operarios municipais están a traballar a contrarreloxio co fin de ter a punto todas as áreas recreativas do municipio co fin de que presten axeitado servizo á veciñanza ao seren estas uns lugares de convivencia moi demandado e utilizado non so polos residentes no concello senón tamén por persoas que se achegan a coñecer e disfrutar dos recursos turísticos de Cerdedo-Cotobade.
“No verán áreas recreativas como a de Caroi concitan moito interese non só por parte dos veciños senón tamén dos visitantes e tamén familiares dos residentes que aproveitan a época estival e de vacacións para regresar aos seus lugares de procedencia a descansar aumentando significativamente a poboación e demandando o uso de infraestruturas destas características que procuramos ter en perfecto estado de revista para cando empeza a temporada”, indicou Jorge Cubela.




