• Percorre os pasos que segui no século XVIII o monxe benedictino erudito e ilustrado nas súas viaxes por Lourido, Cabenca, Meilide, Carballás, Barro e Arén
O Concello de Cerdedo-Cotobade revitaliza a ruta de sendeirismo que percorreu no século XVIII o monxe benedictino e ilustrado Fei Martín Sarmiento ao seu paso por este municipio no seu transitar pola comarca de Tabeirós e Terra de Montes.
Operarios municipais levaron a cabo labores de roza e limpeza así como de sinalización por un percorrido circular de 10 quilómetros de sendeiros con saída e chegada na vila de Cerdedo amosando ao seu paso o rico patrimonio cultural e historico desta antiga terra de canteiros.
O percorrido recuperado polo Concello sae desde Cerdedo e percorre os lugares de Lourido, Cabenca, Meilide, Carballás, Barro e Arén ata regresar de novo ao punto de partida. O nivel de dificultade é baixo e un tempo estimado para poder completar os 10.200 metros do que consta o traxecto de 3 horas e 30 minutos.
PATRIMONIO HISTÓRICO E CULTURAL EN TERRA DE CANTEIROS
Entre as belezas paisaxísticas e conxuntos histórico-culturais que podemos atopar nesta ruta de Frei Martín Sarmiento está o conxunto románico de San Antón coa capela do século XVI, cruceiro e a ponte vella sobre o río Castro. En Lourido podemos observar a capela de Santa Catalina e en Cabenca percorrer parte dun sendeiro que vai á sombra de enormes carballos centenarios e a capela de San Salvador, do século XVI.
En Meilide, o sendeirista pode descobrir o pazo de Raposeiras, casa Frei Martín Sarmiento e a capela da Virxe de Loreto, do século XVIII. En Carballás está a capela da Purísima Concepción e o cruceiro mentras uqe en Barro atópase o fermoso eirado de canstros. Mentras que en Arén podense admirar os vellos muíños de pedra.
De regreso a Cerdedo, a entrada faise pola Ponte Piñoa sobre o río Seixo e pásase pola praia fluvial no río Castro coa súa área recreativa. No centro da vila está a impresionante igrexa parroquial de San Xoán Bautista, do século XVIII, a praza de Don Fernando García Leiro e a Reitoral tamén do século XVIII.
O alcalde, Jorge Cubela, sinalou que a recuperación e revitalización desta ruta de sendeirismo relacionada coas viaxes de Frei Martín Sarmiento atópase englobada nun ambicioso proxecto de promoción na súa globalidade do concello de Cerdedo-Cotobade como un xeodestino turístico propio marcado pola beleza paisaxística, a riqueza do patrimonio arqueolóxico, histórico e cultural e o fomento de prácticas saudables de do turismo familiar.




