Este colectivo representa un eslabón fundamental na xestión das probas que, posteriormente, xeran entre o 80 e o 90 por cento dos diagnósticos e tratamentos na Sanidade Pública da Área Sanitaria
O persoal Técnico Superior Sanitario da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemora mañá luns a súa Xornada visibilizando á súa labor e traxectoria profesional. Cómpre sinalar que o colectivo de Técnicos Superiores Sanitarios representa un eslabón fundamental no funcionamento da asistencia diaria sendo esenciais na xestión das probas diagnósticas e na posterior aplicación de tratamentos, terapias e producos sanitarios. Este grupo profesional atópase en continuo avance cara á equiparación formativa cos seus homólogos europeos.
Durante a actual pandemia por COVID 19, os Técnicos Superiores en Diagnóstico Clínico e Biomédico da Área Sanitaria están a desenvolver un papel imprescindible no Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, sendo o persoal encargado de realizar os diganósticos de SARS- CoV-2, tanto a través de PCR -levan realizadas xa un total de 242.113- coma de outras técnicas analíticas.
Así mesmo, é destacable o labor dos Técnicos Superiores en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en base ao uso de equipos portátiles de Radiodiagnóstico cos pacientes que estiveron temporalmente illados ben en Urxencias ou ben nas Unidades de Coidados Críticos e hospitalización.
Cansancio satisfacción e compañerismo
Segundo sinala este colectivo profesional na conmemoración do Día do Técnico Superior Sanitario, tras a situación asistencial vivida co Coronavirus, amósase cansado pero satisfeito do seu labor durante a pandemia. Destacan o compañeirismo entre todas as categorías dos Servizos da Área Sanitaria, un valor que lles axudou a continuar avanzando nos momentos máis duros, resaltando tamén o labor incondicional do persoal contratado para superar gradualmente esta complicada situación epidemiolóxica.
A historia do Día do Técnico Superior Sanitario comezou o 14 de xuño de 1984 coa aprobación das especialidades de Formación Profesional de segundo grao da Orde do Ministerio de Sanidade e Consumo para Técnicos Especialistas en Laboratorio, Radiodiagnóstico, Anatomía Patolóxica, e Medicina Nuclear e Radioterapia. Posteriormente xurdirían as restantes especialidades, a través da aprobación de reais decretos nos anos 1995, 2007 e 2014, compoñendo na actualidade un total de once categorías profesionais.
Once categorías profesionais
O Técnico Superior en Anatomía Patolóxica obten e procesa mostras de tecidos sospeitosas de patoloxía. Tamén aproxima resultados de citoloxías xinecolóxicas e xerais, efectúa técnicas de análise xenética e leva a cabo procedementos técnicos na realización de necropsias clínicas ou médico-legais. Os Técnicos Superiores en Audioloxía Protésica velan pola recuperación de pacientes con problemas auditivos.
Os Técnicos Superiores en Dietetica identifican as necesidades nutricionais da poboación, elaboran dietas adaptadas segundo prescricións médicas e realizan o seu seguimento. Tamén fomentan bos hábitos alimenticios mellorando a saúde. Os Técnicos Superiores en Documentación e Administración Sanitaria xestionan o tratamento da información e a documentación sanitaria a través das historias clínicas ou as bases de datos. Manexan os sistemas de clasificación de enfermidades e realizan procesos de codificación de diagnósticos e tratamentos. Durante a pandemia participan en tarefas de seguimento a través do rastrexo de datos.
Os Técnicos Superiores en Hixiene Bucodental fomentan saúde bucodental e participan na realización dos tratamentos oráis. Tamén identifican e valoran as características anatómicas, fisiolóxicas e patolóxicas desta zona do corpo, xestionando os materiais e o instrumental do gabinete. O colectivo de Técnicos Superiores en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear realizan técnicas analíticas con fins diagnósticos ou terapéuticos con equipos de tecnoloxía por imaxe ou de medicina nuclear -radiografías, resonancias magnéticas, mamografías, TAC, ecografías, etc-.
Os Técnicos Superiores en Laboratorio Clínico e Biomédico realizan estudos analíticos, preparan os compoñentes hematolóxicos previos ás transfusións, identifican parasitos, realizan análises microbiolóxicas para a determinación de patóxenos, aplican técnicas de análise xenética, inmunoloxía, de bioloxía molecular, hematoloxía, bioquímica e citoxenética, todo elo con fins diagnósticos e/ou terapéuticos.
Ortopróteses e próteses dentais
Pola súa banda, o colectivo de Técnicos Superiores en Ortopróteses e Productos de Apoio deseñan próteses externas segundo as necesidades e prescricións médicas e verifican a idoneidade dos elementos e productos de apoio. Tamén aporta a súa labor asistencial o colectivo de Técnicos Superiores en Próteses Dentais que, baixo a supervisión do odontólogo, fabrican e reparan as próteses e aparellos dentais personalizadamente.
Os Técnicos Superiores en Saúde Ambiental controlan e xestionan posibles riscos para a saúde en alimentos, augas de consumo e plantas envasadoras. Comunican factores de risco e aportan propostas de intervención. Finalmente, os Técnicos Superiores en Radioterapia e Dosimetría aplican tratamentos con radiacións ionizantes baixo prescrición médica, obteñen imaxes e elaboran accesorios para simulación e tratamento radioterápico. Realizan tamén procedementos de protección radiolóxica.




