Deberá proceder á mellora a súa solicitude fixando unha data de realización do espectáculo que permita a súa autorización
O Concello de Ourense requiriulle esta mañá a La Región S.A. que achegue a documentación necesaria para tramitar a súa solicitude de autorización para organizar un concerto no Xardín do Posío. Nun escrito remitido polo alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, comunícalle que, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, pode emendar a súa solicitude presentando a documentación necesaria, para o que dispón dun prazo de 10 días hábiles. No caso de non presentar a emenda de deficiencias en prazo teráselle por desistido da súa solicitude.
Tamén lle indica que, dada a “escasísima antelación” coa que formulou a solicitude -o día 24 de maio- con respecto á data prevista de celebración do concerto -17 de xuño-, se lle require para que proceda á súa mellora fixando unha data de realización do espectáculo que permita a súa autorización previa.
Na comunicación remitida a La Región, o alcalde concreta a documentación que deberá presentar conforme ao artigo 40.2 da lei 9/2013, de 19 de decembro, do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia, á ordenanza fiscal reguladora das taxas por aproveitamento especial ou ocupación privativa do dominio público local, e á normativa sanitaria ditada pola Xunta de Galicia para a prevención da COVID-19. Esta é a que segue:
- Solicitude de autorización da ocupación do dominio público onde se prevea realizar o espectáculo, dirixida ao Concelleiro – Delegado da Área de Seguridade Cidadá e Comercio
- Declaración responsable que cumpre todos os requisitos establecidos na normativa vixente para a realización do espectáculo que dispón da documentación que así o acredita, que a porá a disposición da Administración cando lle sexa requirida e que se compromete a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente á realización da actividade.
- Descrición do espectáculo ou actividade que se pretende realizar e aforo máximo.
- Emprazamento do espazo aberto ao público no que se pretende realizar, data e hora de inicio e finalización do espectáculo e da ocupación privativa do espazo público.
- Documento acreditativo da designación, da persoa física ou xurídica que ha de asumir a responsabilidade técnica da montaxe da instalación.
- Marcado CE e declaración CE de conformidade da instalación que corresponda segundo as súas características e o certificado da instalación de baixa tensión de conexión coa rede.
- Compromiso de subscrición da póliza de seguro de responsabilidade civil obrigatoria prevista no artigo 8 da Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. No caso de concederse a autorización, a súa eficacia.
- Autoliquidación da taxa e do xustificante de ingreso, acompañada de plano detallado da ocupación solicitada, escala 1:100, no que se detalle a superficie a ocupar polo escenario e demais instalacións e polos asentos para o público.




