Nun clima de negociación cordial, acadáronse varios acordos entre goberno municipal e sindicatos
Quedan pospostos aqueles outros asuntos nos que se precisa afondar no seu estudo para acadar avinza
A mesa de negociación do Concello de Ourense reuniuse esta mañá para abordar diferentes asuntos. Foi unha reunión longa, dunhas tres horas e media de negociación. Neste tempo, sindicatos e Concello aviñéronse en diferentes puntos da orde do día. Noutros, manifesta o responsable de RRHH, Armando Ojea, “seguirase traballando para acadar acordos”.
Así, respecto á descentralización da negociación colectiva das xornadas especiais, acordouse, por unanimidade, crear mesas de traballo para non levar todos os asuntos á mesa de negociación. A razón é que moitos destes asuntos son específicos de certos servizos, como é o caso de policía ou bombeiros. Os acordos destas mesas non serán vinculantes para a mesa de negociación, se ben, hai un compromiso previo por parte dos sindicatos de aceptar as conclusións ás que se chegue nestas mesas de traballo.
Houbo tamén un acordo unánime na proposta de modificación do artigo 21 do Acordo Regulador (gratificacións por traballos extraordinarios) para eliminar o límite de 25 horas extra, se ben retirouse un segundo punto, tamén relativo a esta proposta de modificación, para afondar no seu estudo para vindeiras negociacións sobre o valor da hora extra.
Para Armando Ojea, “o clima da negociación foi totalmente cordial, dentro das diferenzas que poida haber entre os diferentes sindicatos e a administración á hora de abordar os temas; estase negociando, estase avanzando, aínda que pouco a pouco”.
Nesta mesa de negociación “existiron puntos de acordo e o interesante é que se avanza nas melloras relacionadas cos recursos humanos do Concello”. “Foron tres horas e media de negociación na que todos saimos satisfeitos de ter avanzado e seguir dialogando”, destaca o Concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea.




