• O alcalde Jorge Cubela agradeceu a colaboración veciñal que permitiu a cesión dos terreos necesarios para abrir un vial de 4 metros de ancho e cunha lonxitude total próxima aos 400 metros
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar o ensanche do Camiño do Quinteiriño, no lugar de Vila de Arriba, na parroquia de Santa María de Sacos, que suporá un investimento duns 46.000 euros e permitirá a actuación sobre un trazado duns 400 metros de lonxitudes que se verá ampliado ata os 4 metros de ancho grazas á cesión de terreos por parte dos veciños.
As obras permitirán mellorar o ancho deste camiño, moi coñecido no lugar porque daba acceso ao Teleclub, e permitirá tamén que se poida acceder con vehículos de emerxencias e ambulancias a un núcleo habitado dunhas 70 vivendas unifamiliares que ata o momento tiña moi restrinxido o paso a este tipo de dotacións de intervención e auxilio.
Estes traballos de mellora do camiño, que contan co informe favorable de Patrimonio, irán acompañados da colocación de novas canalizacións e tubaxes pertencentes ao servizo municipal de abastecemento de auga e rede de sumidoiros.
O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu a colaboración veciñal amosada en todo momento con este proxecto e que permitiu, a través da cesión dos terreos necesarios para anchear o vial ata 4 metros, que poideran levarse a cabo. “Neste tipo de intervencións é moi necesaria a colaboración veciñal a través da posta a disposición do Concello dos terreos necesarios para facer a amplicación dos camiños posto que doutro xeito sería imposible de asumir por parte da administración local. Grazas á xenerosidade dos veciños imos poder ampliar 4 metros o camiño e favorecer que unhas 70 casas poidan ter un acceso rodado axeitado para que poidan chegar ata elas os vehículos de emerxencias e mesmo unha ambulancia que antes tiñan moi dificultado o seu paso”, indicou o alcalde Jorge Cubela.
Esta actuación enmárcase dentro dos investimentos que nos últimos tempos está acometendo o Concello nos núcleos rurais non so para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade senón tamén para lograr unha mellor vertebración e comunicación interior dos núcleos de poboación para favorecer ademais a fixación de poboación coa mellora de servizos.




