Cubríronse todos os postos de socorrismo e patróns e a coordinadora será unha socorrista experimentada en máis de 7 anos nas nosas praias.
A partir de xullo estará de novo dispoñible o semáforo online para consultar o aforo de cada areal. Poderá verse desde a web do Concello en calquera ordenador, móbil ou tablet e na pantalla LED informativa da Avenida de Ourense.
O Salón de Plenos do Concello acolleu esta mañá a firma de contratación dos 21 socorristas, 2 patróns e da coordinadora que realizarán o seu labor este verán nas praias da nosa vila e que garantirán a seguridade dos usuarios e usuarias.
Cubríronse todos os postos cunha única convocatoria, á que se presentaron 36 aspirantes e que se celebrou na praia de Mogor. Tal e como destacou a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, “foi unha convocatoria moi boa. A coordinadora, ademais, xa ten cerca de 7 anos de experiencia traballando nas nosas praias, o que garantirá un bo funcionamento deste servizo esencial”.
Está previsto que ao longo do día de hoxe sexan colocados nos areias os postos de salvamento, que comezarán ocuparse polos socorristas contratados a partir de mañá.
O horario no que estarán os socorristas nos areais será de 12.00 a 20.00 horas e velarán non só pola seguridade dos bañistas, senón tamén polo cumprimento das medidas sanitarias que estean vixentes en cada momento.
Consulta de aforos
Por outra banda, a concelleira adiantou que de cara a principios de xullo porase en marcha de novo a ferramenta online de medición de aforos que se activou o ano pasado para coñecer o nivel de ocupación de cada praia a través dun sistema de semáforos.




