HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO Museo inclúe na súa colección permanente unha nova instalación con artistas...

O Museo inclúe na súa colección permanente unha nova instalación con artistas coetáneos a Castelao para completar a súa visión da guerra e o exilio na Galiza

- Anuncio -spot_img

A sección inclúe 14 pezas de Federico Rivas, Uxío Souto, Arturo Souto e Camilo Díaz, creadores ligados ao galleguismo, nacionalismo e á República, só amosadas en exposicións temporais

Inclúese a augada titulada ‘Bombardeos’ exposta xunto ao Guernica de Picasso en 1937 na Exposición Internacional de París

O Museo de Pontevedra vén de incluír na súa colección permanente unha nova instalación con artistas coetáneos a Castelao para completar a súa visión da Guerra Civil e o exilio na Galiza. Pretende amosar unha visión máis global do impacto que a Guerra e o réxime franquista tivo na producción de creadores galegos exiliados en América, truncando a súa traxectoria vital e evolución artística.

Na nova sección inclúense 14 pezas de artistas ligados ideoloxicamente ao galeguismo, o nacionalismo e a República cunha vivencia moi semellante á de Castelao: Camilo Díaz, Federico Rivas, Arturo Souto e Uxío Souto (ambos bolseiros da Deputación) quen, tralo dominio do noroeste por parte dos sublevados, foron asesinados, forzados a un longo exilio e impedidos de regresar ou obrigados a un asfixiante e represivo exilio interior.

A partir desta nova montaxe permanente, organizada pola responsable de Coleccións Ángeles Tilve, o Museo pretende facer un percorrido temático relacionando as obras co Álbum de Guerra de Castelao –xa exposto dende 1981- e tamén con outras pezas da planta terceira de artistas que estiveron no exilio interior -como Masside ou Torres-, doutros exiliados da pintura española ou artistas que non sendo exiliados si marcharon fóra e tiveron relación con estes amosando como viviron ese momento da historia.

Na instalación das obras, que só se amosaron parcialmente en mostras temporais, recóllense seis augadas do ilustrador vigués Federico Rivas que amosan a represión na zona de Bueu. O golpe de Estado colleuno veraneando na vila do Morrazo e escapou a Portugal como xa fixera tamén Maruja Mallo. Ese álbum de augadas tíñase exposto parcialmente e fora xa reproducido, mais nunca estivera integrado na colección permanente do Museo. Trátase dunha obra fantástica e moi relacionada con Castelao, xa que Rivas tíñao na Arxentina e deixoullo ao autor rianxeiro en depósito cando regresou nos anos 40 a España por non poder traelo. Houbo bastantes vicisitudes e a partir da norte de Virxinia Pereira incorporouse ao Museo.

De Arturo Souto exponse tamén un álbum de debuxos de guerra que publica o Ministerio de Propaganda Republicano. Inclúese aquí unha peza que nin sequera se expuxera na expo antolóxica que se fixera en A Coruña e despois en Pontevedra a finais dos 90: un debuxo que estivo no pavillón español na Exposición Internacional des Arts et Técniques do 1937 en París co Guernica de Picasso e logo en Bruxelas. Trátase dunha acuarela, ‘Bombardeo’, que el publicara nunha revista da República e que era coñecida pola reproducción na prensa, pero que despois apareceu á vendae uns anos despois fora adquirida polo Museo de Pontevedra.

Do cuntense Uxío Souto, ademais dalgunhas esculturas, estarán á vista do público dúas augadas que amosan a súa experiencia persoal ao final da contenda: a fuxida das persoas vencidas polos Pirineos e a visión atormentada das e dos republicanos confinados no campo de refuxiados francés de Barcarés no que el tamén estaba internado.

Para dar da coñecer esta nova instalación, que se completará no día de mañá e xa poderá ser gozada polo público, realizarse un concerto de música exiliada o martes 29 de xuño ás 19.30 horas coincidindo co día seguinte ao aniversario da aprobación do Estatuto do 36.

Publicacións Relacionadas