HomeTabeirósCerdedo - CotobadeRemata o expediente de expropiación e o estudio de viabilidade económico que...

Remata o expediente de expropiación e o estudio de viabilidade económico que dá luz verde á construción da Residencia de Carballedo

- Anuncio -spot_img

• Cubela: “Investiranse uns 3 millóns de euros, o Concello aportará 750.000 euros de fondos propios, crearanse uns 20 postos de traballo e poderán ser atendidas unhas 59 persoas na residencia de entre 16 e 26 beneficiarios no Centro de Día”

O Concello de Cerdedo-Cotobade dá por rematado o expediente do procedemento de expropiación forzosa de 10.688 metros cadrados de solo rústico recollidos no Plan Especial de Dotacións para a construción da Residencia da Terceira Idade de Carballedo e tamén o estudio de viabilidade económica deste proxecto que contempla un investimento duns 3 millóns de euros, cunha aportación do Concello de 750.000 euros de fondos propios, creará uns 20 postos de traballo e permitirá atender a 59 persoas na residencia e de entre 16 e 26 prazas no Centro de Día.

Este expediente de ocupación, derivado do Plan Especial de Dotacións, recolle a afección de cinco parcelas de solo rústico ubicadas nas inmediacións da Casa Consistorial, do centro de saúde e do aparcadoiro público de Carballedo. Estes terreos, que superan lixeiramente a hectárea de superficie, pertencen xa a un proxecto de interese público xeral como é o xeriátrico.

O alcalde, Jorge Cubela, que leva varios anos persoalmente ao fronte desta intensa tramitación amosouse moi satisfeito pola nova fase de materialización no que se atopa este proxecto que virá a dar resposta a e unha demanda social moi importante e que permitirá acadar o obxectivo de dispoñer dunha segunda residencia pública no municipio, xunto coa que ven de concluír a súa ampliación en Cerdedo.

A EXECUCIÓN DAS OBRAS TERÁ UN PRAZO MÁXIMO DE 14 MESES
A nova residencia emprazarase en cinco parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros tras un investimento duns 3 millóns de euros, cunha aportación do Concello de 750.000 euros de fondos propios e un prazo de execución material da obra duns 14 meses. Nunha primeira fase contará con capacidade para 59
residentes, aínda que será susceptible de duplicarse, e xenerará unha vintena de postos de traballo. Tamén se prevé a creación dun Centro de Día do que se poderán beneficiar entre 16 e 26 usuarios.

“Estamos avanzando polo bo camiño para sacar adiante un proxecto moi ambicioso e que nos permitirá ampliar dun xeito amplio a nosa capacidade de atención aos nosos maiores que precisan dunhas instalacións e duns coidados que se lle van garantir coa nova Residencia da Terceira Idade de Carballedo. Ademais, esta iniciativa permitirá afianzar poboación e fomentar o emprego estable e de calidade dun xeito directo e tamén indirecto no noso municipio. A nosa intención é superar calquera atranco que se poida producir para que entre en funcionamento antes de rematar a presente lexislatura. É un reto importante, pero estamos seguros de poder acadalo ou polo menos faremos todo o posible para que non sufra ningún retraso”, indicou o alcalde Jorge Cubela.

Publicacións Relacionadas