O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, solicita aos socialistas que expliquen o motivo polo cal a edil non levantou a man no momento no que o grupo municipal ao que pertence votaba a favor deste punto
“Débese aclarar se a concelleira Blanco rompeu a disciplina de voto do seu partido e decidiu posicionarse en contra desta modificación, igual que os concelleiros populares. A acta do Pleno debe recoller de maneira clara o seu voto”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, pediu ao grupo municipal socialista que aclare o sentido do voto da concelleira Gloria Blanco, que evitou alzar a man na votación da modificación do cadro de persoal para o ano 2021 no Pleno municipal do pasado luns. Blanco resistiuse a expresar o seu voto, collendo nese momento o seu teléfono móbil, mentres todos os seus compañeiros, tanto de partido como de corporación, votaban a favor deste punto.
“É necesario que a concelleira aclare o sentido do seu voto e que conste correctamente na acta do Pleno o que quería votar realmente. Igual as intervencións da miña compañeira Pepa Pardo sobre este punto fixéronlle cambiar de parecer nun último momento. Queremos saber se Blanco quería votar como os seus compañeiros ou é que no PSOE hai unha concelleira díscola”, declarou Domínguez.
A partir do minuto 21:30 do vídeo do Pleno, onde dan comezo as votacións, Blanco levántase da súa cadeira mentres leva a cabo a votación en contra deste punto. Segundos despois, xa sentada, cando a totalidade da Corporación está a votar a favor desta modificación, a edil evita alzar o brazo, sostendo o seu teléfono móbil. “É de vital importancia que aclare que quería votar: que decida se está cos traballadores do Concello, como estamos nós, ou se mantivo a disciplina de voto da súa formación”.




