- En todo este ano a Xunta de Galicia non contou con Vila de Cruces nos seus proxectos
- E Luís Taboada cre que están a discriminar á Vila coas súas decisións, tras comprobar como en concellos lindeiros están a arranxarse certos viais.
O alcalde Luís Taboada coñeceu a través da prensa que a Xunta de Galicia ten intención de arranxar un vial desde A Susana ata o límite con Vila de Cruces, un vial que se atopa en moito mellor estado que por exemplo o vial que transcorre desde Vila de Cruces a Gres, como se pode comprobar na imaxe achegada, un vial que utilizan todos os veciños e veciñas da Vila como vía principal nos seus desprazamentos a Santiago de Compostela, un vial que se atopa en tan mal estado que está a producir danos nos automóbiles, e mesmo xa foi causa dalgún accidente, algo que se lle transmitiu aos responsables da Xunta de Galicia en varias ocasións e do que fan caso omiso.
Pero Taboada non termina aí o seu relato cando comenta que a indiferenza da Xunta de Galicia chega ata tal extremo que hai máis de 6 meses que mantivo unha reunión co señor Lete Lasa responsable de Deportes deste organismo, o cal se comprometeu a contemplar algún tipo de actuación en Vila de Cruces, da que ata este momento non teñen constancia de que sucedese, e a estas alturas xa lle estraña moito que ocorra.
Aínda que para Taboada o que claramente proba este deixamento é a reparación que teñen que realizar no Centro de Saúde, que cada dúas por tres atópase asolagado polas pingueiras e que a Xunta de Galicia comprometeuse a solucionar, e a día de hoxe seguen poñendo cubos cada vez que aparecen as pingueiras.
Por este motivo o alcalde está disposto a enviar unha carta a cada departamento responsable para que lle expliquen cales son as causas desta discriminación a Vila de Cruces, e sobre todo facéndoos responsables de calquera dano persoal ou material que poida suceder por non solucionar estes problemas cando foron advertidos en varias ocasións.




