“Se os grupos solicitantes do pleno da UPO querían unha data diferente, cometeron un fallo de principiante”, asegura o alcalde
A rebaixa do imposto de vehículos incorpora unha emenda do PP que eleva as bonificacións aos eléctricos e híbridos
O Concello de Ourense celebrará dúas sesións plenarias o vindeiro venres, día 2 de xullo. A primeira hora de mañá terá lugar a sesión extraordinaria sobre o programa ‘Universidade Popular’, solicitada polos concelleiros dos grupos da oposición municipal; de seguido, será a sesión ordinaria do mes de xullo, na que se abordarán a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora do teletraballo no Concello de Ourense e no Consello Municipal de Deportes e a aprobación inicial do proxecto de modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, o que suporá a rebaixa deste tributo nun 40%.
A comisión de pleno ditaminou esta mañá estes expedientes. Tamén acordou celebrar o vindeiro luns, día 28 de xuño, un acto no que se lle dará lectura á Declaración Institucional da Federación Española de Municipios e Provincias con motivo do Día internacional do orgullo LGTBI, co título: “Os dereitos LGTBI son e serán sempre dereitos humanos”. Será ás 9:30 horas no salón de plenos, con asistencia do alcalde e de representantes da Corporación Municipal.
A aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora do teletraballo no Concello de Ourense e no Consello Municipal de Deportes foi ditaminada favorablemente cos votos dos grupos municipais de DO, PP, BNG e C´s e as abstencións de PSdeG-PSOE e do concelleiro non adscrito Manuel Álvarez.
A aprobación inicial do proxecto de modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, que suporá a rebaixa deste tributo nun 40%, chegará a pleno incorporando unha emenda presentada polo grupo municipal do PP. A emenda foi estimada tras recibir os votos a favor de DO, PP, C´s e BNG e as abstencións de PSdeG e do concelleiro non adscrito.
A emenda do PP eleva do 60 ao 75% a bonificación na cota incrementada do imposto, durante os catro anos seguintes ao da súa primeira matriculación, para os titulares de vehículos eléctricos ou híbridos (motor eléctrico-gasolina, eléctrico-gasóleo ou eléctrico-gas) ou que utilicen gas natural comprimido ou metano, hidróxeno ou enerxía solar.
O proxecto de modificación da ordenanza fiscal presentado polo goberno municipal, coa emenda do PP incorporada, foi ditaminado favorablemente polos grupos de DO, PP e C´s, en contra do BNG e as abstencións de PSdeG-PSOE e o concelleiro non adscrito, polo que será este texto o que se presente a aprobación por parte do pleno do Concello.
Un “fallo de principiante”
O alcalde de Ourense decidiu, no uso das súas atribucións, convocar as dúas sesións -a ordinaria do mes de xullo e a extraordinaria sobre a Universidade Popular- para o mesmo día, o venres 2 de xullo, de acordo co que lle permite a normativa vixente. A este respecto, subliñou ao remate da sesión que “se os grupos que solicitaron o pleno sobre a Universidade Popular querían un pleno nunha data diferente á do pleno ordinario, cometeron un fallo de principiante, porque o pediron antes de que se celebrase o pleno ordinario do mes de xullo”.
Por acordo de todos os grupos municipais, a Universidade Popular será obxecto dun mesmo debate e única votación, con quendas de 5 e 4 minutos. A proposta sobre a Universidade Popular contou cos votos a favor de todos os grupos políticos agás DO, que se abstivo.




